A oposición á celulosa de Altri gaña apoios entre o empresariado da Galiza
O rexeitamento ao proxecto de Altri na Ulloa adopta formas máis transversais. Se hai unhas semanas se coñecía a oposición da eléctrica Naturgy, nos últimos días transcendeu a negativa á celulosa doutros sectores empresariais de especial relevancia para o país. Unhas diverxencias que preocupan nas filas do PP.
A Confederación de Empresarios da Galicia (CEG) considera a celulosa de Altri en Palas de Rei (A Ulloa) como “un proxecto estratéxico” para o país. A preguntas de Nós Diario, o presidente da entidade, Juan Manuel Vieites, sinala que “non cabe máis que apostar firmemente polo desenvolvemento do noso tecido industrial e traballar en favor dos proxectos estratéxicos que contribúan a iso, como o de Altri, sen prexuízo do estrito cumprimento da normativa vixente e da protección do medio e da sustentabilidade”.
Vieites considera que “a instalación de Altri suporía un importante investimento na Galiza, coa creación de empregos directos e indirectos e o impulso da actividade económica local, que contribuiría á atracción e fixación de poboación”. Nesta dirección, apunta que, “como calquera outro proxecto industrial na Galiza, está sometido agora á análise técnica e de cumprimento que habilite os oportunos permisos e autorizacións”, un traballo que "corresponde aos profesionais que na Administración asumen dita función”.
A posición oficial da patronal galega sobre o proxecto de Altri non ten mudado nos últimos meses; porén, no interior da entidade aumentan as voces críticas con esta iniciativa. A este respecto, fontes da Confederación de Empresarios da Galicia consultadas por Nós Diario explican que “hai moitas empresas, algunhas delas de gran peso, que rexeitan o proxecto empresarial de Altri”. Na mesma liña, aseguran que “importantes directivos da CEG non se cortan no ámbito privado en cargar contra esta iniciativa”.
A existencia de voces críticas na CEG contra a celulosa de Altri é un "segredo a voces" nos círculos empresariais e económicos da Galiza. Unha delas explica a este xornal que “o proxecto aposta por un modelo industrial do pasado, un modelo que podía ter sentido hai 60 anos”, e alerta dos seus impactos negativos en sectores como “a cadea mar-industria ou o sector forestal”. Neste sentido, considera “normais" as "opinións diferentes", porque "tamén hai opinións diferentes nas empresas e nos empresarios”.
De Ence a Finsa
O proxecto de Altri non é visto con bos ollos polos dous xigantes do sector forestal galego. Malia que as direccións de Ence e Finsa gardan silencio de portas para fóra, non agochan as súas críticas coa celulosa de Palas de Rei en reunións internas, facéndolle chegar, mesmo, as súas diferenzas co proxecto ao propio Goberno galego. A este respecto, fontes de Finsa consultadas por Nós Diario consideran que, de ir adiante, significaría un duro golpe ao negocio forestal ligado ao piñeiro, que xa se atopa na actualidade nunha situación moi complicada pola presión do eucalipto.
As críticas de Ence poñen o foco noutros aspectos. Neste sentido, a dirección da compañía trasladou ao seu persoal en repetidas ocasións, segundo confirman a Nós Diario fontes do comité de empresa, que “non hai eucaliptos suficientes para manter dúas celulosas na Galiza”. Na mesma liña, indicoulles que “Altri é claramente un problema para Ence e para as súas contratas no sector forestal”. Precisamente, as fontes do Partido Popular consultadas por Nós Diario ven “a man de Ence tras as diverxencias na CEG sobre Altri” e lembran “as tensións no Consello Forestal da Galiza sobre este tema”.
O complexo agrogandeiro é un dos máis críticos coa celulosa da multinacional portuguesa desde os seus momentos iniciais. Así, por exemplo, a Denominación de Orixe (DO) Queixo Arzúa-Ulloa, a segunda en facturación de todo o Estado, que agrupa 1.400 explotacións lácteas de 32 concellos e suma 16 queixarías con 199 empregados e empregadas, rexeita o proxecto de Altri amosando a súa “preocupación" en dous puntos: "O incremento da forestación das terras agrarias e a contaminación da auga e do aire”.
A cadea mar-industria observa con moita preocupación o proxecto. Sen ir máis lonxe, as catro principais organizacións de produtores de mexillón da Galiza –Amegrove, Opmega, Asmecruz e Asociación de mexilloeiros Illa de Arousa–, con 883 socios e 1.321 bateas, rexeitan tamén, a celulosa de Altri. Algunhas delas, como Amegrove, fretaron autobuses para a manifestación de mañá en Compostela. Precisamente, a actitude deste colectivo está xerar gran preocupación nas filas do PP.
Aliás, a práctica totalidade das organizacións de mariscadoras da ría de Arousa opóñense a este proxecto. Neste caso, significan 1.603 persoas, repartidas en 10 municipios, que representan 44,3% do total do país, supondo o sector pesqueiro da ría 1,33% da produción total da economía galega e 33% do valor engadido do sector no conxunto da Galiza. Pola súa parte, dentro das empresas galegas agrupadas na gran patronal da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes (Anfaco) as posturas son diverxentes.
O rexeitamento á iniciativa da multinacional portuguesa Altri é tamén moi importante no sector turístico. De feito, unha das primeiras entidades empresariais en oporse á celulosa foi a Asociación de Albergues Privados do Camiño Francés, da que fan parte 123 negocios en toda a Galiza, e que advirten do risco para a súa actividade da celulosa.
Na mesma liña expresáronse colectivos de hostaleiros das comarcas máis afectadas, que destacan o peso económico do sector na Ulloa, Arzúa, Melide ou O Salnés.
Compostela acolle mañá unha marcha contra Altri que rematará no Obradoiro
As rúas de Compostela acollerán mañá unha manifestación contra a celulosa que proxecta a multinacional portuguesa Altri en Palas de Rei (A Ulloa). A marcha, convocada por Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), partirá ás 12 horas da Alameda e percorrerá a cidade até a praza de Obradoiro baixo o lema 'A Xunta non pode calar a todo un país. Altri non'. A protesta rematará coas intervencións de Lois Pérez e Leti da Taberna e a lectura dun manifesto a cargo de dúas integrantes Defensa da Ría de Arousa e outras dúas de Ulloa Viva.
Máis dunha trintena de autobuses
As fontes de ambos os colectivos consultadas por Nós Diario agardan unha mobilización "masiva", cunha alta participación, e dan por descontado que a marcha encherá o Obradoiro. Nesta liña, apuntan a máis de 33 autobuses que trasladarán manifestantes de todo o país. Porén, indican que o groso de asistentes desprazarase nos seus vehículos particulares.
Os autobuses para a manifestación están fretados polos colectivos que apoian a protesta. Nesta liña, o transporte colectivo que sairá das comarcas da Ulloa, Arzúa, Melide ou O Deza está organizado polos grupos de oposición a Altri existentes neses territorios e financiados polas persoas que se desprazarán nos mesmos. Ao tempo, os autobuses procedentes das comarcas do Salnés e do Barbanza están promovidos por diversas entidades ligadas á actividade marisqueira. Na mesma liña, a CIG puxo a disposición da cidadanía autobuses desde diversas localidades galegas