Fracasa a OPA de BBVA a Sabadell ao obter só 25,47% de aceptación das accións

Dúas persoas diante da sucursal que o Banco Sabadell ten na rúa do Xeneral Pardiñas de Compostela. (Foto: Clara Xanthina)

Non alcanza o 30% que lle daba a posibilidade de lanzar unha segunda OPA por todo o capital que non controlase.

A oferta pública de adquisición (OPA) de BBVA sobre Banco Sabadell fracasou ao ser aceptada só polo 25,47% das accións con dereito a voto, segundo informaron as dúas entidades afectadas á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). A OPA formulábase sobre todo o capital de Banco Sabadell, aínda que a súa eficacia estaba condicionada a obter polo menos a metade das accións con dereito a voto da entidade catalá, é dicir, excluíndo autocarteira.

Finalmente, e tras 17 meses desde o seu anuncio, BBVA non conseguiu alcanzar o 50% de aceptación. Tampouco o 30% que lle abría a posibilidade de renunciar ao limiar mínimo de aceptación do 50% e lanzar unha segunda OPA en efectivo polo capital que non controlase.

En total, foi aceptada por 1,27 millóns de accións que representan un total do 25,33% das accións ás que se dirixiu a oferta e do capital social da sociedade afectada, e un 25,47% dos dereitos a voto de Sabadell, calculado esta última porcentaxe excluíndo a autocartera de Banco de Sabadell.

Segundo varios analistas, como Citi ou XTB, este era o escenario menos probábel. Tampouco estimaban que BBVA fose alcanzar máis do 50% de aceptación; en cambio, crían que quedaría entre un 30% e un 50%, o que obrigaría BBVA a lanzar unha segunda OPA en efectivo, ou con alternativa en efectivo, pola totalidade do capital que non controlase e a un prezo equitativo.

De feito, os principais directivos de Banco Sabadell suxeriran en varias ocasións aos seus accionistas que esperasen a unha segunda OPA ante a posibilidade de recibir unha maior contraprestación polas súas accións do banco catalán. Pola súa banda, desde BBVA instouse durante todo o período de aceptación a acudir á OPA ante a posibilidade de que esa segunda OPA non se producise.

BBVA retoma a súa senda de dividendos

Poucos minutos despois de coñecerse o resultado, BBVA emitiu un comunicado no que anunciou que "retoma de maneira acelerada" o seu plan de distribución.

En concreto, anunciou que o 31 de outubro iniciará a recompra de accións pendente de preto de 1.000 millóns de euros; o 7 de novembro pagará o maior dividendo a conta da súa historia (0,32 euros por acción), por un total de aproximadamente 1.800 millóns de euros; e, en canto reciba a aprobación do Banco Central Europeo (BCE), porá en marcha "unha significativa recompra" de accións adicional.

Na presentación de resultados de xullo xa anunciou un plan estratéxico até 2028 que incluía a previsión de retribuír con 36.000 millóns de euros aos seus accionistas. Ademais, estima obter uns beneficios netos de 48.000 millóns de euros entre 2025 e 2028.

Esta mesma quinta feira, e pouco antes de coñecerse o resultado, XTB publicaba un informe onde incluía unha revalorización de BBVA de entre o 5% e o 10%, "incluso sendo conservadores", se a OPA fracasaba, como finalmente sucedeu, posto que a prima da operación podería sumarse ás súas accións. "Isto é porque as accións do comprador caen cando se lanza a oferta e as da empresa comprada soben, fechándose aproximadamente esa prima inicial. Con todo, o proceso invértese se a OPA non sae adiante", expuña o bróker.

Con todo, sinalaba que a reputación do presidente de BBVA, Carlos Torres, "podería verse danada" fronte aos seus accionistas pola "cantidade de recursos destinados para finalmente non ter éxito, ademais das súas continúas declaracións do éxito do proceso".