O BNG interpela ao Goberno galego a respecto da destrución de 97 empregos en Unísono Vigo

Protesta das e dos traballadores de Unísono

O grupo parlamentar nacionalista vén de rexistrar esta mañá cinco iniciativas parlamentares nas que demandan da Xunta un plan para garantir o emprego no sector.

As deputadas do Bloque Nacionalista Galego, Carme Adán e Montse Prado, presentaron esta mañá no Parlamento de Galiza unha batería de preguntas dirixidas ao Goberno galego sobre a situación da empresa Unísono en Vigo. 

A través dunha interpelación, dúas preguntas orais para seren respondidas no pleno, unha para a súa resposta por escrito, e catro para resposta oral na Comisión 6ª, o grupo parlamentar nacionalista inquirirá ao executivo de Núñez Feijóo a respecto de que medidas pensa tomar para evitar a destrución de 97 postos de traballo no centro vigués da empresa do contact center Unísono, e que afectarán fundamentalmente a mozas e mulleres.

O BNG demanda ao executivo de Feijóo que explique que medidas tomarán para manter os 97 empregos en Vigo 

Adán e Prado tamén piden explicacións a respecto de que actuacións vai despregar o Goberno galego, “en tanto autoridade laboral competente” para “garantir a a protección efectiva dos dereitos laborais do plantel de Unísono”, toda vez desde o Comité de Empresa denuncian que a medida anunciada pola compañía de acudir a un expediente de mobilidade xeográfica carece de “motivación e de base legal algunha”, como denunciou hai uns días a secretaria da sección sindical da CIG, Raquel Vázquez, nunha entrevista concedida a Sermos Galiza. Esta semana o plantel iniciaba un calendario de mobilización, cun paro dunha hora o pasado luns, que continuará a vindeira semana cun xornada de folga entre outras accións.

Presión para novas subvencións públicas

Vázquez aseguraba a preguntas deste medio que non descartaban que a empresa puidese empregar esta medida, que suporá a destrución de postos de traballo indefinido, para preme á Xunta de cara  a obteren novas subvencións. 

Unísono xa fóra receptora de importantes axudas por parte do IGAPE para a apertura do seu segundo centro en Vigo e o mantemento dos postos de traballo. Esta cuestión tamén é obxecto da iniciativa parlamentar do Bloque, na que reclaman que se informe de se a empresa ten solicitado novas axudas económicas do IGAPE ou “de calquera instancia autonómica” e o obxecto destas.

Demandan un plan para asegurar o emprego no sector

Desde o BNG amosan a súa preocupación pola situación do sector en Galiza, “outrora puxante e dinámico”, denunciando que está a padecer unha “nova vaga de deslocamento “interno no seo do Estado -nomeadamente cara o centro- e tamén a outros estados –especialmente a aqueles con condicións laborais e salariais máis precarias”, facendo referencia tamén aos 112 despedimentos anunciados na coruñesa Atento. 

A este respecto as deputadas nacionalistas preguntarán en sesión plenaria do Parlamento se o executivo presidido por Alberto Núñez Feijóo “pensa desenvolver o goberno galego algún Plan concreto no sector do telemárketing para garantir o mantemento en Galiza dos postos de traballo?”.