Mundiais de corrupción
O balón roda en Rusia, que acapara os focos internacionais coa disputa do Mundial de Fútbol 2018. A cita chega nun momento oportuno para mover a un segundo plano os escándalos que, durante os últimos tres anos, veñen sacudindo a cúpula do fútbol mundial. Cultura do silencio, subornos, branqueo de capitais, asociación ilícita... a lista de acusacións que acumulan exaltos mandatarios da FIFA parecen máis propias dunha causa contra o crime organizado que contra un organismo deportivo. Eis un extracto da reportaxe, publicada no número 301 de Sermos Galiza.
As xustizas suíza e estadounidense estudan evidencias que se remontan a 1991. Os pagos en negro, os favores económicos e as presións políticas terían condicionado a sede dos mundiais de fútbol, como recoñeceron xa algúns dos detidos. Seguindo a mesma lóxica, na trama aparecen envoltos altos cargos de multinacionais que –apuntan as pesquisas xudiciais– conspiraron cos seus homólogos da FIFA para enriquecerse de forma ilícita cos dereitos de retransmisión e dos patrocinios relacionados cos eventos. A maioría dos cartos que xestiona o organismo futbolístico proveñen precisamente destas dúas fontes: as televisións e os anunciantes.
Só no período de 2015 a 2018, no seu momento máis crítico, a FIFA recoñeceu ingresos (oficiais) superiores aos 4.800 millóns de euros. Malia perder algúns importantes patrocinadores, após destaparse os casos de corrupción, durante a cita en Rusia prevé que facturar outros 2.800. A finais do pasado, algunhas grandes corporacións de comunicación, como Fox Sports, Globo ou o Grupo Televisa, foron acusados por presuntos subornos a mandatarios do organismo para facerse con dereitos televisivos, entre elas, a filial Imaxina do grupo español Mediapro.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 301 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]