Moito gas e pouco autoconsumo eléctrico: dous problemas ambientais do sistema enerxético

Terminal de gas natural licuado de Reganosa en Mugardos. (Foto: Europa Press)
"A entrada en funcionamento en 2007 da planta de regasificación de Reganosa en Mugardos (Ferrolterra) posibilitou un salto no emprego do gas fósil e o agravamento dos impactos socioambientais asociados", sinala Galiza sen Gas.

A plataforma Galiza sen Gas, integrada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Amigas da Terra, Ecoar Global, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, o Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli) e Verdegaia, publicou esta cuarta feira o informe Gas natural, o combustíbel fósil que atrasou a transición enerxética, que salienta que "o gas fósil, mal chamado gas natural, está actuando como unha barreira para a transición enerxética na Galiza".

Reganosa

"A entrada en funcionamento en 2007 da planta de regasificación de Reganosa en Mugardos (Ferrolterra) posibilitou un salto no emprego do gas fósil e o agravamento dos impactos socioambientais asociados", engade o documento. 

"Ademais de contribuír á deterioración do medio ambiente local, a regasificadora de Mugardos permitiu a importación de gas natural licuado", sinala. "Este é aínda máis intensivo en carbono  que o de gasoduto, especialmente cando se extrae mediante a técnica do fracking, como a maioría do que provén dos EUA, de onde Galiza importa gas desde 2016", segundo conclúe Galiza sen Gas.

Autoconsumo

Por outra parte, a pesar de que a produción renovábel de electricidade da Galiza xa supera o consumo desta enerxía, no que atinxe á evolución do autoconsumo eléctrico segue lonxe de ser unha referencia no Estado, segundo se desprende do Informe Anual do Autoconsumo Fotovoltaico de APPA Renovables, que foi publicado esta cuarta feira.

Neste sentido, a electricidade para o autoconsumo na Galiza, incluíndo tanto a da industria como a do eido doméstico, tan só supón 4% da potencia instalada, unha porcentaxe similar á media do Estado español, mais que fica lonxe de cifras como a de Catalunya, líder ao alcanzar 18%.