O Ministerio de Transición Ecolóxica tombou até 95% dos parques eólicos avaliados
95% dos proxectos de novos parques eólicos no Estado español en tramitación no Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) foron tombados na fase de Declaración de Impacto Ambiental (DIA) este ano.
O Miteco é competente para a tramitación destas declaracións obrigatorias por lei para os proxectos con máis de 50 megawatts (MW) de potencia. En 2025 foron máis de 20 os proxectos que tramitou nesta fase o Miteco, dos que só un obtivo a DIA positiva.
No caso dos parques eólicos con menor potencia, esta tramitación ambiental compete á Xunta da Galiza. Xuntando as tramitacións do Miteco e da Xunta a cifra de proxectos eólicos aprobados alcanza 50%, pero son moitos os que pola contestación social e os recursos xudiciais fican paralizados cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).
Actualmente máis de 90 proxectos de parques eólicos están paralizados polo TSXG e, segundo datos da Asociación Empresarial Eólica (AEE) desta mesma semana, na Galiza representan “máis de 2.800 MW paralizados”.
A patronal eólica considera a tramitación administrativa dos seus proxectos, segundo recoñeceu en rolda de prensa na segunda feira o CEO da AEE, Juan Virgilio Márquez, “o primeiro cabalo de batalla” para as empresas enerxéticas. Na AEE están “preocupados pola xudicialización” destes proxectos na Galiza e a patronal eólica pide declarar o "interese superior” dos seus parques por riba da protección de animais e biodiversidade.
Parque eólico das Louseiras
A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) vén de pór en marcha unha campaña de doazóns co obxectivo de "frear" o parque eólico As Louseiras, promovido pola empresa Greenalia nos concellos da Pastoriza (A Terra Chá) e Meira (comarca homónima).
O proxecto prevé a instalación de tres aeroxeradores de até 200 metros de altura nunha contorna de elevada sensibilidade ambiental, dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño, unha zona catalogada como de “sensibilidade ambiental máxima" polo Ministerio para a Transición Ecolóxica.
Ademais este proxecto de Greenalia estaría próximo ás áreas propostas para a ampliación da Rede Natura 2000 e de espazos prioritarios para a conservación da avifauna da Terra Chá.