ANTEPROXECTO DE LEI DE ORZAMENTOS

Medio Rural, a área que máis fondos perde nos Orzamentos 2015

Vicepresidencia incrementa o seu orzamento máis que todas as consellarías sociais, mentres Medio Rural perde 13,3 millóns en 2015.

 

 

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz, entregou esta segunda feira o anteproxecto de lei de Orzamentos para 2015 no Parlamento de Galiza. A Xunta distribuirá 3.409 millóns de euros no vindeiro exercicio. O maior incremento rexístrase na consellaría de Vicepresidencia que contará con 238,3 millóns de euros --34 millóns máis que o ano anterior.

Medio Rural perde 13,3 millóns de euros en 2015

Esta suba nos recursos financeiros da área encabezada por Alfonso Rueda, constitúe máis do que se incrementa o orzamento nas consellarías de Cultura-Educación (+0,6 millóns), Traballo-Benestar (+16 millóns) e Sanidade (+11,6 millóns), que contarán con 28,2 millóns máis que en 2014. 

A área máis prexudicada é Medio Rural e Mar cuxo orzamento perde en 2015 13,3 millóns de euros (569,7 millóns de euros). 

Elena Muñoz defendeu o incremento en Vicepresidencia atribuíndoo á área de "emerxencias" e a compra de novos equipamentos. Aliás, asegurou que a queda do orzamento en Medio Rural é "temporal" e "circunstancial" á espera de se incorporar os recursos procedentes do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. 

Orzamento "continuísta" que mantén "a senda da crise"

Os grupos parlamentares valoraron o anteproxecto de lei de Orzamentos após a súa entrada na Cámara lexislativa. Desde o Bloque Nacionalista Galego (BNG) Francisco Jorquera asegurou que é unha proposta "continuísta" que traerá "máis ruina", "desigualdades sociais" e "exclusión" para o vindeiro ano. Jorquera fixo brincadeira coas contas públicas lembrando a Foliada do Celta, cantada polo grupo A Roda. "Sempre andas dicindo para o ano que vén e chega outro ano e pasa tamén", di a canción. 

Jorquera di dos Orzamentos que son "continuístas" e que persisten na "exclusión social"

Para o grupo nacionalista os Orzamentos 2015 "non son críbeis" e fundaméntanse nun pronóstico de crecemento do 2% que contrasta coa realidade económica de Galiza. 

Tampouco convence a proposta do goberno galego ao PSdeG-PSOE. O seu voceiro na Cámara, José Luís Méndez Romeu, dixo que "os orzamentos da Xunta para o ano 2015 renuncian a impulsar o crecemento produtivo e a mellorar a protección social dos galegos e das galegas", o que manterá o país "na senda da crise". "Galiza medrará menos que a media do Estado e non vai saír axiña da crise", apuntou o socialista. 

Así mesmo o seu grupo parlamentar afirma que "os dados revelan unha baixada de 500 millóns de euros" a respeito do ano anterior malia que o goberno de Núñez Feijóo defenda o contrario. 

O PSdeG di que "Galiza medrará menos" que o Estado

E é que @s populares destacan un incremento do 0,5% sobre os orzamentos de 2014, o que supón 45 millóns máis. O voceiro do grupo parlamentar do PP, Pedro Puy, sinalou que a Galiza conta cun maior ingreso corrente --415 millóns de euros-- o que representa, dixo, "máis do dobre que o ano pasado". 

Puy gabou "a boa xestión" do executivo galego e un anteproxecto de contas nas que "case o 80% se dedican ao gasto social". 

AGE: "Non medra o investimento, é falso"

Pola súa banda, a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, criticou as "trampas contábeis" que di desenvolve o Partido Popular nos Orzamentos 2015 pois, sinalou "medra o capítulo 6 (investimento) mais baixa o capítulo 7 (transferencias de capital)" de maneira que "non medra o investimento, é falso, non hai ningunha medida anticíclica que anticipe que se poida saír da crise". 

Para Alternativa as contas "son un sudoku contábel" pois, sinalou, "son as mesmas cifras cambiadas de sitio".