Martín Códax, Condes de Albarei e Paco y Lola reducirán o uso de químicos con métodos sostíbeis de control da couza na uva

Método de control da couza. (Foto: Martín Códax)
Para informar as persoas interesadas, esta segunda feira 10 de febreiro ás 19.30 horas decorrerá unha charla técnica na adega. Na mesma, exporanse os detalles do método, os resultados obtidos até o de agora e os obxectivos da campaña actual.

Bodegas Martín Códax, en colaboración coas cooperativas Condes de Albarei e Paco y Lola, decidiron estender a recomendación do uso de feromonas para o control biolóxico da couza do acio a todos os seus socios e socias.

Esta iniciativa forma parte do Proxecto Colaborativo de Feromonas, cuxo obxectivo é reducir de forma progresiva o emprego de produtos químicos nos viñedos da comarca do Salnés. 

Desde antes de 2019, Martín Códax implementou a técnica de confusión sexual mediante a colocación de difusores de feromonas específicas no viñedo, un método impide a reprodución da couza, evitando a posta de ovos e, en consecuencia, o dano na uva. Para a súa efectividade é necesario que se apliquen en áreas de polo menos dous ou tres hectáreas continuas de viñedo.

Por iso, en 2019 comezou un esforzo conxunto para dinamizar zonas contiguas e maximizar o impacto do tratamento. Ao longo dos anos, este proxecto foi crecendo, permitindo que Bodegas Martín Códax pasase das 20 hectáreas iniciais ás 113 hectáreas protexidas con esta técnica en 2023.

Agora, xunto a Condes de Albarei e Paco y Lola, dáse un paso máis na aposta pola sostibilidade ao recomendar de maneira xeneralizada o uso de feromonas en toda a superficie de viñedos dos socios e das socias.

A meta final é transformar o Salnés nunha zona libre de aplicación de produtos químicos para o control da couza do acio, promovendo un modelo de viticultura respectuoso co medio ambiente.

Charlas informativa

Para informar as persoas interesadas, esta segunda feira 10 de febreiro ás 19.30 horas decorrerá unha charla técnica na adega. Na mesma, exporanse os detalles do método, os resultados obtidos até o de agora e os obxectivos da campaña actual.

Ademais, os e as viticultoras das cooperativas Condes de Albarei e Paco y Lola tamén contarán con sesións formativas ao longo destes días, nas que se explicarán en detalle os beneficios e a aplicación desta técnica nos seus viñedos.