Maros Sefcovic deixa os Estados Unidos coa sensación de que Donald Trump imporá aranceis de 20% á Unión Europea
Maros Sefcovic, o responsábel de Comercio da Comisión Europea, teme que os EUA impoñan aranceis que alcancen arredor de 20% contra a Unión Europea (UE), segundo sinalou esta cuarta feira Financial Times citando fontes comunitarias.
O representante de Bruxelas mantivo esta terza feira unha reunión cos seus homólogos estadounidenses na que non conseguiu un acordo para resolver o conflito comercial. Con todo, insistiu en manter aberta a porta do diálogo aínda que quede "traballo duro" por diante.
O comisario pasou "24 intensas horas en Washington" para manter "conversacións substanciais" co secretario de Comercio dos Estados Unidos, Howard Lutnick, e co responsábel comercial da Administración liderada por Donald Trump, Jamieson L. Gree, así como co director do Consello Nacional Económico dos EUA, Kevin A. Hassett.
"O traballo duro continúa, a prioridade da UE é un acordo xusto e equilibrado en lugar de aranceis inxustificados", manifestou Sefcovic nun comunicado difundido á súa volta dos Estados Unidos. Porén, afirmou que a UE e os EUA comparten o "obxectivo de fortalecer a industria" en ambas as rexións.
A xira continúa na China
Sefcovic viaxará agora á China co obxectivo de achegar posicións en aras dunha relación comercial "equilibrada", baseada na transparencia e reciprocidade, e buscar solucións no conflito que as dúas partes manteñen ante a Organización Mundial do Comercio (OMC). O comisario estará esta quinta feira e esta sexta feira no Estado asiático, nun momento no que ambas as rexións se enfrontan ás presións arancelarias dos EUA.
Será a primeira viaxe oficial á China desde que asumiu a carteira de Comercio o pasado decembro. Durante a mesma agárdase que manteña reunións con representantes do Goberno do Estado asiático, incluído o viceprimeiro ministro, He Lifeng, o ministro de Aduanas, Sun Meijun, e o ministro de Comercio, Wang Wentao, co obxectivo de abordar o "impacto negativo das políticas e prácticas contrarias ao mercado".