Mar alerta de que a redución da cota de pescada suporía perder 74 millóns de euros á Galiza, coa Mariña como principal afectada
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, alertou de que a proposta do Consello Internacional para a Explotación do Mar (ICES) de rebaixa da cota da pescada suporá unha perda de ingresos de 73,9 millóns de euros para a economía galega.
Así o expuxo o responsábel durante a reunión do consello consultivo de políticas agrícolas e pesqueiras para asuntos comunitarios, que tivo lugar esta tarde, segundo recolle a Xunta da Galiza nun comunicado.
Neste encontro, detallouse que o impacto xeral, contando cunha redución xenérica de 28% sobre a cota actual e en base a desembarques do último ano, acumula unha diminución de 4.287 toneladas.
Así, en cando á repercusión por lonxas, a afectación para a comercialización alcanzará os 27,9 millóns de euros, debido a que a Galiza recibe descargas desta especie procedentes doutras frotas con porto base noutras comunidades e noutros países de Europa.
Tal como expuxo Villares, o impacto sería soportado basicamente pola frota do Gran Sol, sendo especialmente a de palangre de fondo a que acusaría esta rebaixa, cifrando a súa porcentaxe sobre a baixa xenérica en 85%. Así, a zona da Mariña acusaría o maior descenso, ao serlle atribuído o 92% dese impacto económico.
Alí, as perdas situaranse en valores próximos aos 22 millóns, de forma que Burela e Celeiro serían, de novo, os portos máis afectados en canto a esta rebaixa de ingresos das súas lonxas, ao xerar estas un beneficio que supón 45,3% e 46,4% das descargas e primeiras vendas desta especie na Galiza.
En termos económicos, impactaría nestes portos caendo os seus ingresos 10,8 e 11 millóns de euros, respectivamente.
En total, son sete os portos galegos que se verán afectados por este impacto e as súas perdas asociadas, incluíndo tamén o de Vigo, o de Ribeira, o da Coruña, o de Cariño e o de Cedeira.