A maior consultora téxtil mundial desaconsella a instalación de Altri na Ulloa: "Non precisamos máis fábricas de lyocell"
Canopy Planet é a maior consultora da industria verde téxtil do mundo. Con sede en Vancouver (Canadá), esta organización ambiental sen ánimo de lucro leva anos asesorando cara á sostibilidade máis de 950 marcas da industria da moda de todo o mundo, entre elas Inditex e H&M. Nós Diario púxose en contacto con Canopy para coñecer a súa opinión sobre o Proxecto Gama de Altri-Greenalia para instalar unha celulosa en Palas de Rei (A Ulloa) que estaría dedicada a xerar fibra de lyocell -con celulosa solúbel a base de eucalipto- para despois vender a fábricas téxtiles que a transformes en prendas. A resposta a este xornal da directora executiva e fundadora de Canopy, Nicole Rycroft, é contundente: “Non se deberían construír novas fábricas de fibra de madeira para a produción de viscosa/lyocell neste momento en ningún lugar do mundo”.
Rycroft explica a Nós Diario que é preciso “pasar dos modelos de produción de 'coller, fabricar e desperdiciar' a cadeas de subministración circulares e de próxima xeración”. E isto está xa a pasar no mundo da moda a nivel internacional, Canopy e as grandes marcas a nivel mundial traballan con proxectos en todo o mundo que desenvolven alternativas verdes, “utilizan residuos agrícolas, roupa desbotada e restos de alimentos como insumos en lugar de bosques”.
A empresa Circ obtén Lyocell reciclando prendas de roupa.
Canopy destaca o compromiso destas máis de 950 grandes marcas que se asesoran nos seus obxectivos de sostibilidade. A súa fundadora e directora executiva destaca que “a produción de próxima xeración axudará a estabilizar o noso clima e biodiversidade, evitará a contaminación e permitirá que os bosques se manteñan en pé”. Alerta de que “para lograr os obxectivos planetarios necesitamos que se manteñan e conserven máis bosques”. Disto son conscientes as cadeas de subministración dos maiores imperios téxtiles, certifica a máxima responsábel de Canopy Planet, quen asegura que “a moda está en proceso de afastarse de insumos virxes e controvertidos cara a fontes de materiais circulares e con baixas emisións de carbono”.
As fibras sostíbeis do presente e o futuro
Cando a máxima responsábel de Canopy refire que as fibras a base de madeira son insostíbeis faino sabendo que hai moitas alternativas viábeis que xa existen en todo o mundo. Proxectos cos que traballa Canopy e que recomenda nos seus labores de asesoría ás grandes marcas mundiais cara a cumprir os seus obxectivos de sostibilidade e compromisos de loita contra o cambio climático. Unha desas alternativas é o uso de residuos agrícolas para a fabricación de prendas de vestir.
A empresa Hurd Co, con sede nos Estados Unidos de América, fabrica prendas de vestir a partir de residuos agrícolas. Trátase de “agrilose”, un substituto de prezo fixo da polpa de madeira estándar que os fabricantes utilizan para elaborar teas de lyocell ou viscosa/raión. O proceso patentado de Hurd Co non xera emisións, utiliza 50% menos de auga e 90% menos de enerxía que o proceso de polpa convencional. O seu uso está recomendado por Canopy ás grandes marcas por razóns evidentes: “aforros ambientais que se traducen nunha redución significativa dos custes de fabricación”.
Hurd fabrica roupa con agrilose, que obtén dos refugallos agrícolas.
Non é a única alternativa a seguir consumindo recursos naturais para fabricar fibras téxtiles. A empresa Circ impulsa o chamado “armario limpo” con tecnoloxía patentada que recicla os produtos desbotados da moda mundial para convertelos en téxtiles. Faino usando un proceso hidrotermal patentado. Circ pode recuperar as materias primas das misturas de polialgodón, creando Circ Lyocell e Circ Polyester reciclados de téxtil a téxtil. Segundo explica Canopy, o lyocell de Circ é celulosa rexenerada a partir de residuos téxtiles, o que crea fibras cortas e filamentosas “que igualan ou superan a calidade do lyocell virxe de orixe arbórea”.
En Suíza desenvolven o HeiQ AeoniQ, un fío de filamento celulósico, fabricado mediante un innovador proceso patentado cunha pegada ambiental “excepcionalmente baixa”. Utilizan refugallos téxtiles pre e posconsumo, refugallos agrícolas non valorizados e celulosa bacteriana como materia prima. Os téxtiles fabricados con HeiQ AeoniQ “non requiren terras agrícolas, pesticidas nin fertilizantes” e o resultado é completamente biodegradábel”.
Nestes e outros procesos industriais en marcha máis limpos, Canopy asesora as principais marcas de moda do mundo, non só Inditex, pois ten socios como Burberry, Puma, Tesco M&S ou Stella Mcartney. No ano 2020, co anuncio dos fondos Next Generation da UE para paliar os efectos da pandemia, o entón presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, reuniu expertos para crear proxectos na Galiza financiábeis con fondos europeos. Alí falouse do interese de Inditex polo lyocell. A Xunta comezou a promoción de Altri chamándoa “circular”. A saída de Inditex da ecuación deixou lonxe dese obxectivo o Proxecto Gama, Inditex buscaba outra cousa. O xigante galego di que aposta por “un modelo circular, que transforme residuos en recursos”.
O primeiro 'fardo' de lyocell non se obtería na Ulloa até 2032
As consellarías de Medio Ambiente e de Economía sinalaron estes días a boa marcha da tramitación ambiental do proxecto e situaron o escenario da resolución final no mes de decembro. Con estes cálculos da Xunta, o director do Proxecto Gama, Bruno Dapena, dicía o 1 de outubro que “a tramitación ambiental e o financiamento marchan segundo o previsto”, polo que concluía que “o proxecto arrancará en 2025”.
Segundo os datos que a empresa detalla no seu proxecto, a fase de construción da planta da celulosa na Ulloa duraría catro anos. Se a pasteira se pon en marcha, Dapena estima que “en 36 ou 38 meses xa se estarían a producir os primeiros fardos de fíos". Iso son outros tres anos, así que nos mellores cálculos de Altri o primeiro “fardo" do lyocell a base de pasta solúbel de celulosa sairía da Ulloa en 2032.