Máis de 3.000 traballadores do naval de Ferrol volven exixir na rúa carga de traballo

Mobilización do naval ferrolán
Máis unha vez, milleiros de operarios dos estaleiros de Ferrol volveron á rúa (con corte de AP9 incluída) para reclamar carga de traballo para o sector e denunciar os incumprimentos de executivos autonómico e central. Exixen, aliás, data concreta de inicio de construción do tan cacarexado flotel de Pemex

 

Máis de 2.000 despedimentos no naval de Ferrol nestes últimos meses. Un dato ao que engadir queos cacarexados compromisos de goberno autonómico e central (flotel de Pemex, dique flotante...) para cos estaleiros de Ferrolterra non se dan concretado. Mesmo semella que nunca se han concretar. E, aliás, promesas reiteradas desde hai semanas e semanas por eses mesmos gobernos do PP de que axiña chegará a solución que reactiva o sector naval e sexa un maná de carga de traballo e emprego para a comarca. Todo iso combinado explica que,máis unha vez, milleiros de traballadores do naval voltasen sair á rúa nesta quinta feira en Ferrol. E cortasen durante media hora a AP9. E que o cadro de persoal dos estaleiros xa anuncien novas e contundentes mobilizacións.

 O voeiro do Comité de Empresa de Navantia Ferrol, Ignacio Naveiras, lembrou a reunión mantida hai poucos días entre o presidente da Xunta e o español e ns que se falou de novas promesas para o naval ferrolá. "Os traballadores estamos fartos de ilusionismo. Xa abonda de xogar co destino dos operarios e da cidadanía da comarca".

Data concreta para inicio de construción do flotel

Unha das reivindicacións dos operarios nesta protesta é que se fixase xa unha data confreta de inicio para a construción do flotel de Pemex, encargo que desde hai meses se di conquerido por parte da Xunta mais que non se realizou. Mesmo desde México hai voces, como a Cámara de Industria, que afirman que ese buque se vai construir no país azteca.