Máis de 6.000 explotacións denunciaron o 'cártel do leite'
Após varios anos de denuncias contra o que se denominou ‘cártel do leite’ –empresas do sector que pactaban os prezos ante as explotacións entre 2000 e 2013– UUAA presentou esta sexta feira en rolda de prensa as últimas novidades. Na comparecencia, o responsábel compañía que leva as demandas para máis de 6.000 explotacións, David Fernández, sinalou que o caso “non prescribiu”, comeza a recoñecerse nos xulgados “que hai un cártel formado por industrias lácteas” e pódense reclamar os xuros.
O cártel, dixo, baseábase “no intercambio de información, no control de prezos e tamén no control de abastecemento”, limitando as opcións “de a que industria vender”. No informe que realizaron comprobaron que o dano estaba entre 9% e 14% que recoñeceu a Comisión Nacional de Mercados e da Competencia (CNMC) nunha resolución.
A tendencia, segundo Fernández, será "recoñecer 10% como dano mínimo" que sufriron as explotacións. “Ademais queremos que as empresas do cártel respondan da conduta e dos danos”.
Félix Porto, vicesecretario xeral de UUAA, pola súa parte, lembrou que a primeira denuncia foi en 2011. “Xa dixemos que non sería un proceso fácil e levaría tempo e niso estamos”, lembrou. Neste tempo, “após catro resolucións firmes no Tribunal Supremo, decidimos comezar a litigar pola vía civil, reclamando os danos que imputaron os gandeiros por sufrir este tipo de comportamentos por parte das industrias lácteas”.
Por este motivo, Porto anunciou que iniciarán unha campaña para que se sumen gandeiros “por ter dereito”. Ademais, subliñou que na última sentenza en Barcelona confirmouse “que houbo un efecto ‘paraugas’ que afectou todos os gandeiros que comercializaron leite eses anos”.
Rematar coas prácticas
Na comparecencia, o secretario xeral de UUAA, Roberto García, denunciou que neste sector “seguimos mantendo os prezos máis baixos de toda Europa como consecuencia de que funcione o libre mercado da oferta e a demanda”. Recoñeceu que “o que pretendíamos non era tanto unha indemnización económica senón que, dalgunha maneira, rematar con estas prácticas”.
Con todo, apuntou que “os 5.000 gandeiros de UUAA que reclamaron representan agora mesmo máis de 9 millóns de toneladas que suman máis de 623 millóns de euros”.