Aarón Fernández, gandeiro: "A Unión Europea non quere tractores, quere tanques"
Aarón Fernández é un gandeiro de Montederramo, na Terra de Caldelas, que leva varios días co seu tractor en Ourense protestando contra a política agraria das diversas administracións. Nesta conversa con Nós Diario, explica as súas demandas e reivindicacións.
—Hoxe, 12 de xaneiro, asínase formalmente o acordo entre a Unión Europea e Mercosur, contra o que levan mobilizándose desde hai máis dunha semana, cales son as razóns da súa oposición a este pacto?
O impacto do acordo entre a Unión Europea e Mercosur vai ser moi grande, sobre todo, nas pequenas explotacións galegas. Este ano conseguimos que se incrementara o prezo da carne porque non había tenreiros no mercado. Se nos vén esta carne de fóra vannos tirar os prezos e nós non podemos competir con eles.
O acordo entre a Unión Europea e Mercosur implicaría que no mercado galego entrasen canais de vacún de Arxentina ou Brasil a tres euros o quilogramo, cando nós estamos vendendo a oito euros o quilogramo, porque por baixo dese prezo non cubrimos custos de explotación e estariamos perdendo cartos.
Hai que destacar que a media de idade dos titulares das explotacións gandeiras de alta montaña, como acontece aquí no Macizo central, está por riba dos 55 anos, polo que se vai adiante o acordo a xente aguantará até que poida xubilarse pero isto vai significar que non haxa relevo nas explotacións porque a xente nova non se vai incorporar con eses prezos.
As explotacións son as que asentan poboación en zonas como a nosa, polo que se estas fechan imos ter un problema moi grave cos incendios. Este ano veuse que foi a veciñanza quen salvou os lugares fronte ao lume, se isto segue así dentro de pouco non vai quedar xente para apagar os lumes.
—A sinatura do acordo entre os Estados da Unión Europea e Mercosur coincide co anuncia por parte da Comisión Europea dunha nova proposta de Política Agraria Común (PAC) que recorta os fondos para a agricultura, que valoración lle merece esta alternativa?
Xúntase todo. Os recortes na Política Agraria Común que propoñen desde a Unión Europa suporía o fin de moitas explotacións. Non hai forma de subsistir na gandaría cunha redución nos fondos da PAC como a que propoñen, pois parte dos nosos ingresos proceden de aí.
O último ano xa se deu un recorte moi importante nas liñas da PAC dedicadas á aqueles gandeiros que se dedican a tempo completo á súa explotación en zonas como a nosa, de alta montaña. Ademais, os cartos que se retiran da agricultura van destinados á compra de armamento.
A Unión Europea non quere tractores, quere tanques. O PP e o PSOE están botando en Bruxelas a favor do acordo con Mercosur e, tamén, de aumentar o gasto militar en detrimento da agricultura.
—Unha das cuestións que mais preocupa aos gandeiros e gandeiras que se están a mobilizar estas semanas é a situación que se pode crear coa chegada a Galiza da Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC), que opina ao respecto?
Nós estamos moi preocupados co que poida pasar este verán, no caso de que chegue Dermatose Nodular Contaxiosa, e nós obriguen a sacrificar todo o gando das explotacións. Actualmente, a normativa estabelece que se tes un caso de Dermatose Nodular Contaxiosa baléiranche a cuadra.
As táboas de prezos da Xunta para o caso de que haxa que sacrificar os animais está moi por baixo dos prezos do mercado. Por unha vaca, páganche entre 600 e 700 euros, moito menos do que vale, porque hoxe no mercado non compras unha vaca por menos de 3.000 euros.
Hai vacina contra a Dermatose Nodular Contaxiosa pero na Galiza non se vacina. Están comezando a vacinar naquelas zonas máis próximas a onde hai casos, como Aragón, Catalunya ou Euskadi. Non sabemos porque a Xunta non pide que se vacine na Galiza e se limite a dicir que non ten competencias.
Non se pode repetir coa Dermatose Nodular Contaxiosa o que aconteceu coa Enfermidade Hemorráxica Epizoótica hai un ano e medio, que comezaron a vacinar cando xa estaba todo o gando afectado. Na nosa zona, foi onde máis animais morreron, e seguen morrendo porque moitos quedaron moi débiles e están morrendo agora.