Juan Gallástegui Baamonde: "As cooperativas axudan a transformar o territorio"

O director xeral de Clun, Juan Gallástegui. (Foto: Nós Diario)
Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) é desde o seu nacemento no 2016 o buque insignia do cooperativismo agrario galego. A piques de facer 10 anos e logo de presentar CoRural, froito da súa fusión con Celta, o seu director xeral Juan Gallástegui (Compostela, 1988), analiza o momento que atravesa o sector.

—Clun é un dos buques insignia do cooperativismo galego. Como foi o seu nacemento?
Clun naceu dunha base cooperativa. Xa no ano 2012, cando varias cooperativas colleron a empresa Clesa, que estaba en concurso de acredores e tiña unha fábrica na Galiza, en Caldas de Reis, foron as cooperativas as que apostaron polo futuro desa zona, do territorio, por non perder esa fábrica e ese valor que aportou unha marca histórica. Puxéronse de acordo as cooperativas, desde Ribadeo a Melide para recuperar esa fábrica e darlle unha nova vida tanto á marca como aos seus produtos. Nese contexto de colaboración empezou  a falarse de que o futuro exixía estruturas máis fortes e con máis dimensión,  e a convivencia en Clesa foi un xerme para o nacemento de Clun. Tres desas cooperativas uníronse nun proxecto máis grande e naceu Clun unindo Feiraco, Melisanto e os Irmandiños en 2016.

—Que parte do éxito diría que provén da fórmula cooperativa?
As cooperativas teñen un toque romántico, pero é moito máis. É unha alternativa económica, con valores distintos, un modelo empresarial alternativo. No caso da Galiza, que neste sector é unha potencia produtora, as cooperativas axudan máis a concentrar o protagonismo produtor na cadea de valor. Non queren que o produtor sexa un mero provedor, buscan que ese produtor sexa propietario. Ese vínculo especial do produtor coa ferramenta económica de transformación crea unha visión máis a longo prazo, é un instrumento para dotar de estabilidade e forza produtora un territorio como é Galiza.

—Desde a súa creación, canto e como creceu Clun?
A produción en Clesa, que foi o inicio, pasou de 2 ou 3 millóns de quilos ao ano a case 50 millóns no actual, pondo en valor un proxecto de éxito cooperativo nunha parte de valorización que é a do iogur e as sobremesas lácteas. En xeral, duplicáronse as facturacións desde a creación de Clun até este mesmo ano. Ten un papel moi importante no sector lácteo na Galiza.

—Acaban de anunciar unha unión con Leite Celta para crear CoRural. É este o ansiado gran grupo lácteo galego?
Con este proxecto convertémonos no primeiro grupo tanto de recollida como de transformación do produto galego e seremos o terceiro dentro dos que operan na Galiza. É un modelo de futuro, crecemento e competitividade. O futuro exíxenos ser todos fortes e tamén un modelo de equilibrio, de reparto dos beneficios da produción, e un coidado do territorio, porque temos un consumidor novo que ten maior sensibilidade e as cooperativas conseguen dun modo máis eficaz satisfacer a demanda dese consumidor conectado co produtor que busca estabilidade e futuro. Temos un papel moi importante que xogar no desenvolvemento do mundo cooperativo do sector primario.

—Que obxectivos se marca CoRural no curto e medio prazo?
Somos ambiciosos porque cremos no futuro do sector. Somos optimistas porque xa puidemos observar a transformación que os gandeiros fixeron no país con moitos anos de traballo, temos gandarías punteiras a nivel europeo e mundial e facía falta unha alianza destes gandeiros coa súa propia industria e pór esa produción ao dispor de todo o mundo nun mercado globalizado, e poder desde aquí competir cos mellores actores do resto do mundo. O obxectivo é dotar dunha industria máis forte aos gandeiros, pero que sexa deles, que o gandeiro teña un papel determinante de toda a cadea de valor para darlle unha estabilidade distinta á que ofrecen outros modelos económicos. Queremos unha relación de pertenza, que non queden illados só na produción. Queremos que se produza na Galiza, que se transforme na Galiza e que se reparta aquí todo o valor do produto que xeramos entre todos.

O gran valor das cooperativas no agro

“Máis da metade dos alimentos europeos veñen de cooperativas”, sinala Juan Gallástegui, pondo como aval a necesidade de “pór en valor os produtos cooperativos” como forma de “pór en valor moitas máis cousas”. O director xeral de Clun e futuro conselleiro delegado de CoRural está convencido dos beneficios deste modelo. Asegura que, “canto máis cooperativismo hai, mellor lle vai ao consumidor”, e reitera que a posta en valor dos produtos das cooperativas supón enxalzar “un reparto distinto dos beneficios da produción" e "unha alianza co territorio, coas persoas involucradas na cadea de valor”. Un “modelo económico distinto” que é o que inspirou o nacemento de CoRural, o gran grupo lácteo da Galiza, do que Gallástegui destaca “o optimismo e a transparencia” como os seus principais valores.