João Tavares, viticultura heroica portuguesa contra os incendios: "Estamos preparando para volver plantar na próxima primavera"

O viñateiro portugués João Tavares. (Foto: Nós Diario)
A tenda especializada en viños galegos Vide, Vide! organiza a 'Sesión Tavares' co viñateiro luso João Tavares, que perdeu 85% dos seus viñedos nos incendio que afectaron a Rexión do Dão en setembro de 2024.

O 16 de setembro do 2024 a devastadora vaga de lumes na Rexión do Dão (Portugal) chegaba con violencia a Penalva do Castelo. A Quinta Boavista, na que João Tavares tiña 15 hectáreas de viñedo e un banco xenético con castas antigas de uva autóctona do Dão, foi arrasada polo lume. O incendio colleuno en plena vendima, faltaba 30% da colleita por recoller e tiña programado facelo o 18 de setembro. No incendio perdeu 12 hectáreas de viñedo (85%), as dúas parcelas nas que estaba a recuperar uvas autóctonas e tamén a casa familiar na Quinta Boavista. Este domingo, en Compostela, a tenda especializada en viños galegos Vide, Vide! organiza a 'Sesión Tavares' con este viñateiro luso.

Un ano após o acontecido, Tavares asegura a Nós Diario que “o importante é que estamos todos vivos e que temos vontade e enerxía para recuperar o que se perdeu”. Na Quinta Boavista levan un ano facendo balance dos danos e preparando novas plantacións para substituír as perdidas. Arredor de 30% das plantas teñen xa as follas vermellas e van morrer polos danos que o lume e as altas temperaturas provocaron nestes viñedos, lamenta. “Estamos acabando de preparar as parcelas para volver plantar na próxima primavera”, avanza.

Tavares ten claro logo do vivido que “a vida continúa" e que este episodio o rexuveneceu. "Cando se fecha unha porta ábrese unha fiestra”, confesa animado, logo de comprobar en primeira persoa “a solidariedade e a axuda” que recibiu de moitos amigos e produtores da zona. Este ano recolleu 60 toneladas de uva "grazas a un produtor que ía abandonar a explotación e quixo entregarme seis hectáreas de viña con certificado biolóxico”. Explica emocionado que “tiven a sorte de que me cedeu a explotación e permitiume este ano ter produción”.

Desde Portugal seguiron con preocupación a vaga de lumes que o pasado mes de agosto asolou Galiza, e tamén a incidencia nas producións vitivinícolas da Ribeira Sacra ou de Monterrei. Pola súa experiencia afirma que “despois do que me pasou vexo difícil tras os fogos restabelecer as condicións para recuperar as parcelas”, e advirte de que moitas das plantas afectadas na Galiza “van ter que ser substituídas, e é un traballo moi difícil”.

Os incendios do Dão de setembro de 2024 mudaron a vida de Tavares, pero insiste en mirar cara adiante e en ver nas mudanzas que fixo ao longo deste ano os aspectos positivos. “Antes tiña moito tinto, era fundamentalmente tinto, mais agora estou a pasar á fase dos brancos, que é o que gusta no mercado. Non hai que vivir de penas, hai que ver o lado positivo a todo”, di.

A mesma diagnose da causa dos lumes

Botando a vista a setembro do ano pasado para analizar o acontecido Tavares atribúe os incendios de Portugal ao “abandono de moita propiedade cuberta de mato”, ao feito de “non haber unha lexislación de ordenación forestal”, ás “regras permisivas” e a unha “prohibición ficticia de plantar eucaliptos”. No caso de Portugal, que tamén ten en vigor unha moratoria a estas plantacións, asegura que o que acontece na práctica é que “plantan igual porque a multa é pequena e poden arriscar a pagala; é a mesma por 100 hectáreas que por 1.000”.

Tamén sinala que o “combate dos bombeiros” contra o lume “non é tal”, e demanda “unha estratexia diferente” que garde no rural un especial coidado coas explotacións agrícolas, "porque o que fixeron aquí foi deixar arder”, lamenta.