O IPC galego fecha 2025 cunha taxa do 2,6%
Os prezos subiron un 0,2% entre novembro e decembro e un 2,6% no total do ano pasado, destacando o incremento da vivenda nun 4,9%.
O índice de prezos de consumo (IPC) fechou 2025 no 2,6% na Galiza, o que supón tres décimas menos que a media española, segundo datos publicados esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
Así, o INE vén de confirmar que Galiza se sitúa entre os territorios do Estado Español coas taxas interanuais máis moderadas de inflación. Desta maneira, os prezos subiron un 0,2% entre novembro e decembro e un 2,6% no total do ano pasado, destacando o incremento da vivenda nun 4,9%.
Pola súa banda, os alimentos e bebidas non alcohólicas encareceron un 3,2% no ano 2025, mentres que o tabaco e o alcol creceu un 3,8%.
A medicina (+2,1%), o enxoval (+0,4%), o transporte (+1,2%) e as comunicacións (+1,5%) tamén rexistraron incrementos nos seus prezos, do mesmo xeito que o lecer e a cultura (+0,8%) ou o ensino (+2,8%). Aliás, os hoteis, cafés e restaurantes encarecéronse un 4,2% o ano pasado.
A nivel estatal
No conxunto do Estado Español, o IPC recortou en decembro a súa taxa interanual nunha décima, até o 2,9%, debido á baixada dos prezos dos carburantes e ao comportamento dos paquetes turísticos, cuxos prezos subiron menos que en decembro de 2024, sempre segundo datos definitivos do INE.
Con este descenso dunha décima no último mes do ano, o IPC interanual encadea dous meses consecutivos de baixadas no estado español, despois de que en outubro fechara no seu nivel máis alto en 16 meses (3,1%).
Con isto, o grupo de transporte recortou un punto a súa taxa interanual en decembro, ata o 1,8%, mentres que o de lecer e cultura presentou unha taxa anual do 0,5%, sete décimas menos que en novembro.