A investigación europea do apagamento pon o foco en por que fallaron os mecanismos de defensa do sistema: Que se sabe até agora?
A Rede Europea de Operadores de Sistemas de Transmisión de Electricidade (Entso-E) avanza na súa investigación sobre o apagamento do pasado 28 de abril na península Ibérica e céntrase en determinar que desencadeou as desconexións iniciais de xeración no sur do Estado español e por que os Plans de Defensa do Sistema non lograron deter o proceso que conduciu ao 'blackout', así como na análise da xestión da interconexión con Francia antes de desencadearse o incidente.
Tras unha segunda reunión do seu panel de persoas expertas para investigar o apagamento, decorrida o pasado 3 de xuño, identificáronse os próximos pasos para guiar a súa investigación en curso, sinalou o organismo nun comunicado. En concreto, as expertas da investigación están a recompilar actualmente todos os datos necesarios para esclarecer os feitos relacionados co incidente que, subliñaron, axudarán a comprender, entre outras cousas, "os fenómenos de oscilación que se produciron antes do apagamento".
Así mesmo, Entso-E, cuxa transparencia e independencia na investigación foi posta en dúbida por parte das grandes eléctricas, decidiu tamén lanzar unha páxina web específica que servirá como portal informativo para as partes interesadas durante toda a investigación.
Nela ofrécese unha secuencia preliminar dos eventos desde o día do apagamento, así como información sobre o proceso de restauración, a composición do panel de expertos e outros aspectos relevantes, e será actualizada a medida que avance a investigación e se dispoña de nova información. "A información publicada baséase en achados e análises preliminares e pode cambiar en calquera momento", engadiu Entso-E.
Dous períodos de oscilacións anteriores ao incidente
Respecto á cronoloxía preliminar dos acontecementos, a información sinala que durante a media hora anterior ao apagamento observáronse dous períodos de oscilacións, de potencia e de frecuencia, na Área Sincrónica de Europa Continental (AECE). En concreto, o primeiro tivo lugar entre as 12.03 e as 12.07 horas, sendo local e afectando principalmente os sistemas eléctricos do Estado español e Portugal.
Mentres, a segunda oscilación comezou entre as 12.16 e as 12.22 horas, sendo interárea, correspondente ao coñecido modo continental Este-Oeste, e mitigouse eficazmente mediante medidas de intercambio compensatorio, que reduciron os fluxos de enerxía entre Francia e o Estado español, ademais dun cambio de emulación de corrente alterna (CA) a potencia fixa no modo de operación da ligazón HVDC e o axuste das liñas eléctricas internas no sur do Estado español.
Despois desta segunda oscilación, a tensión situouse no rango de 390-420 quilovoltios (KV), antes de volver aumentar, mais aínda dentro do rango de tensión operativa na rede de transmisión. Nese momento, os intercambios internacionais programados do Estado español -todos destinados á exportación- eran de 1.000 megawatts (MW) a Francia, 2.000 MW a Portugal e 800 MW a Marrocos.
Con todo, posteriormente, nun intervalo de apenas 27 segundos desencadeáronse unha secuencia de eventos que levaron ao apagamento ás 12.33 horas. Así, ás 12.32:57, 12.33:16 e 12.33:17 horas observáronse interrupcións de xeración no sur do Estado español, cun total estimado inicialmente de 2.200 MW, que levou a un aumento de tensión no Estado español, que implicou un aumento similar en Portugal, e a frecuencia diminuíu.
Entre as 12.33:18 e as 12.33:21 horas, a tensión na zona sur do Estado español aumentou drasticamente, e consecuentemente tamén en Portugal, desencadeando unha fervenza de perdas de xeración que provocaron unha caída da frecuencia do sistema eléctrico da península Ibérica.
Ás 12.33:19 horas a península Ibérica comezou a perder o sincronismo co sistema europeo e, entre as 12.33:19 e as 12.33:22 horas os Plans de Defensa do Sistema e de deslastre automático de carga do Estado español e Portugal, elaborados de acordo coas obrigacións legais, activáronse mais non puideron evitar o colapso do sistema eléctrico ibérico.
Desta maneira, ás 12.33:21 horas as liñas aéreas de corrente alterna entre Francia e o Estado español foron desconectadas mediante dispositivos de protección contra a perda de sincronismo e ás 12.33:24 horas todos os parámetros do sistema eléctrico español e portugués colapsaron, e as liñas HVDC entre Francia e o Estado español deixaron de transmitir enerxía.
Tras o incidente, cada operador do sistema de transmisión afectado -Rede Eléctrica de España (REE) e a portuguesa Rede Eléctrica Nacional (REN)- activou inmediatamente os respectivos plans de restauración do sistema, elaborados de conformidade co regulamento europeo polo que se estabelece un código de rede en caso de emerxencia e restauración da electricidade, así como calquera outro procedemento e protocolo pertinente para restaurar a tensión do sistema eléctrico.
Neste sentido, o informe afirma que a restauración do sistema eléctrico nalgunhas partes da península Ibérica viuse facilitada, entre outros, pola activación de recursos do sistema eléctrico como procesos de arranque en negro nalgunhas centrais, así como polas interconexións existentes con Francia e Marrocos.
Aplaude o labor dos operadores no restabelecemento
Ademais, considera que o rápido restabelecemento da subministración no Estado español e en Portugal "demostrou a preparación e eficiencia" de Rede Eléctrica e REN, co apoio e a colaboración da francesa RTE e a marroquí ONEE.
O proceso de reestauración do sistema iniciouse ás 12.35 e 12.43 horas, cando REN solicitou a posta en marcha en modo 'black-start' da central hidroeléctrica de Castelo de Bode e da central de turbina de gas de ciclo combinado de Tapada do Outeiro, respectivamente.
Así mesmo, ás 12.44 horas restabeleceuse a primeira liña de 400 KV entre Francia e o Estado español (parte oeste da fronteira) e ás 13.04 horas reactivouse a interconexión entre Marrocos e o Estado español. Ademais, desde o inicio da restauración até aproximadamente as 13.30 horas, varias centrais hidroeléctricas no Estado español con capacidade de arranque en negro puxeron en marcha os seus procesos de arranque en negro para iniciar a restauración do sistema.
Xa ás 13.35 horas reactivouse a parte oriental da interconexión Francia-Estado español, ás 18.36 horas se reenerxizouse a primeira liña de interconexión de 220 KV entre o Estado español e Portugal, o que permitiu acelerar a restauración do sistema portugués, ás 21.35 horas se reenerxizou a liña de interconexión sur de 400 KV entre o Estado español e Portugal.
Desta maneira, ás 00.22 horas do 29 de abril completouse o proceso de restauración da rede de transmisión en Portugal, mentres que ao redor das 4 horas no Estado español finalizou o proceso de restauración da rede de transmisión. A raíz do apagamento, Entso-E creou un grupo de expertas que está integrado por representantes dos operadores do sistema, a Axencia para a Cooperación dos Reguladores da Enerxía (ACER), as Autoridades Reguladoras Nacionais (ARN) e os Centros de Coordinación Rexional (CCR), dirixido por Klaus Kaschnitz (APG, Austria) e Richard Balog (MAVIR, Hungría).
No panel de expertos da investigación participan David Alvira, por Rede Eléctrica; e Virginia García Escoin, Teresa Ibáñez Tarragó e Diego Roldán Cabanillas, pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC). Este comité reuniuse os pasados 12 de maio e 3 de xuño e manterá novas reunións o 23 de xuño e o 15 de xullo co obxectivo de avanzar cara ao seu informe final.