A inflación sobe en setembro 2,9% polo aumento da vivenda

Unha muller ante o escaparate dunha inmobiliaria en Compostela. (Foto: Clara Xanthina)
O IPC anota o dato máis alto desde xullo de 2024.

O mes de setembro deixou un aumento do Índice de Prezos de Consumo (IPC) na Galiza de 2,9%, catro décimas máis que o mes anterior, segundo os datos publicados onte polo Instituto Nacional de Estatística (INE). O dato supón o nivel máis alto neste indicador no país desde xullo de 2024, cando estaba en 3,1%. Ademais, acumula catro incrementos interanuais consecutivos desde maio de 2025, momento no que a inflación era un punto inferior. Pola súa parte, o incremento interanual dos prezos no conxunto do Estado español é unha décima superior ao dato galego, de 3%.

En termos mensuais, a inflación na Galiza diminuíu 0,4%, mentres que no que vai de ano –entre os meses de xaneiro e setembro– a suba é de 1,3%. 

Vivenda, auga, luz e gas

Os prezos que máis soben na Galiza de forma interanual son os de vivenda, auga, electricidade, gas e tamén outros combustíbeis (+6,6%). Séguenos  restaurantes e hoteis (4,7%) e bebidas alcólicas e tabaco (3,8%). Todos os indicadores van á alza: outros bens e servizos (3,2%); alimentos e bebidas non alcólicas (2,4%); ensino (2,3%); transporte (2,2%); sanidade (2,1%); vestido e calzado (1,3%); lecer e cultura (1%); comunicacións (0,8%), e mobles e artigos do fogar (0,2%).

Na comparativa intermensual, o que máis soben son ensino (1,3%) e calzado e vestido (1,2%), o que contrasta coa caída en lecer e cultura (-3,2%) e hoteis e restaurantes (-0,8%). No que vai de ano, o maior aumento rexístrano hoteis e restaurantes (5,5%), fronte ao retroceso acusado en calzado e vestido (-11,6%).

Na variación no que vai deste ano o crecemento maior é o que tiveron restaurantes e hoteis (5,5%). Séguenos en aumento bebidas alcólicas e tabaco (3,7%); vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustíbeis (3,5%); outros bens e servizos (2,5%); sanidade (2,3%); comunicacións (1,8%); ensino (1,6%);  alimentos e bebidas non alcólicas (0,9%), e transporte (0,8%). Pola contra, baixaron neste período vestido e calzado (-11,6%); lecer e cultura (-0,5%),  e mobles, artigos do fogar e artigos para o mantemento corrente do fogar (-0,1%).