A inflación repunta até 1,8% na Galiza: restauración e vivenda lideran a alza
O Índice de Prezos de Consumo (IPC) subiu a 1,8% interanual na Galiza en outubro (era de 1,3% en setembro), segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) esta quinta feira.
Deste xeito, o IPC volve incrementarse na comunidade galega após o descenso experimentado o mes anterior e fica na mesma taxa interanual que a media estatal, de 1,8%. En termos mensuais, a inflación galega elévase un 0,8%. No que vai de ano, entre xaneiro e outubro, a alza é de 2%.
Restaurantes e hoteis (+4,4%) son o apartado que rexistra maior repunta interanual na Galiza no décimo mes. Séguelle a vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustíbeis (+3,5), así como lecer e cultura (+3,5%). No outro extremo, baixan transportes (-2,8%) e comunicacións (-0,1%).
Suba tamén no Estado
No Estado, o IPC aumentou un 0,6% en outubro en relación ao mes anterior, a súa maior alza mensual desde o pasado mes de abril, cando aumentou un 0,7%, e elevou 0,3 puntos a súa taxa interanual, até 1,8%. Esta repunta mensual obedece ao incremento de prezos no grupo de vestido e calzado nun 8,5% polo comezo da temporada outono-inverno, e á subida do prezo dos alimentos nun 1,4% polo encarecemento das froitas e dos legumes e hortalizas.
Ao finalizar outubro, as taxas máis elevadas de IPC presentábanas Euskadi (2,3%), Aragón (2,2%) e Asturias (2%). No lado contrario situáronse Castela-A Mancha (1,4%), Murcia, Castela e León ou Cantabria, entre outras, con 1,5%. Os prezos aumentaron en todas as comunidades en taxa interanual respecto ao mes pasado, con Aragón (+0,7%) e Navarra (+0,7%) entre aquelas nas que máis creceron, e Castela-A Mancha (+0,2%) Baleares (+0,2%) e Asturias (+0,2%), nas que menos.
Aínda por baixo de 2%
Co avance do IPC interanual no décimo mes do ano, a inflación retoma os ascensos despois de encadear catro meses consecutivos de retrocesos. O Ministerio de Economía, Comercio e Empresa destaca, no entanto, que a inflación se mantén por baixo do nivel de referencia de 2% fixado polo Banco Central Europeo (BCE).
A inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos) avanzou unha décima en outubro, até 2,5%, sete décimas por riba da taxa xeral.