A inflación marca 2,4% en novembro e volve superar o obxectivo do BCE

Unha persoa prende a luz. (Foto: Nós Diario)
Os prezos aumentaron 0,2% a nivel estatal respecto a outubro.

O índice de prezos de consumo (IPC) a nivel estatal subiu 0,2% en novembro en relación a outubro e elevou seis décimas a súa taxa interanual, a 2,4%, segundo os datos avanzados onte polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Para coñecer a evolución do IPC na Galiza haberá que esperar até o 13 de decembro.

O organismo explicou que a repunta da inflación con respecto ao mesmo mes do ano anterior, que supón superar o obxectivo de 2% do Banco Central Europeo (BCE), débese ao encarecemento dos carburantes e á suba dos prezos da electricidade, fronte ao descenso en novembro de 2023.

Co avance do IPC de novembro (2,4%), a taxa interanual encadea dous meses consecutivos de ascensos, aumentando seis décimas porcentuais con respecto ao índice experimentado en outubro (1,8%) e alcanzando o seu valor máis alto desde xullo, cando o rexistro foi 2,8%.

O INE incorpora no avance de datos da inflación unha estimación da taxa subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos), que en novembro diminuíu unha décima porcentual, a 2,4%, igualando desta maneira o índice xeral.

A evolución en termos mensuais (0,2%) supón un encarecemento catro décimas porcentuais menor do experimentado no mes de outubro. Ademais, a taxa interanual do IPC harmonizado (IPCA), que proporciona unha medida común da inflación que permite realizar comparacións internacionais, escalou seis décimas porcentuais en novembro, a 2,4%, mentres que o índice mensual foi de 0%.

O Ministerio de Economía, Comercio e Empresa situou a media do IPC interanual nos últimos 12 meses en 2,8%, manténdose así "a senda descendente respecto ao pico alcanzado en 2022".