A inflación avanza a nivel estatal e volve alcanzar o limiar de 3% no mes de febreiro

O ministro español de Economía, Carlos Cuerpo. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
O IPC acusa o encarecemento da electricidade.

Á espera de que o próximo 14 de marzo sexan publicados os resultados desagregados para Galiza, o Instituto Nacional de Estatística (INE) realizou onte o adianto do índice de prezos de consumo (IPC) do mes de febreiro no conxunto do Estado.

Neste sentido, a inflación aumentou 0,4% en febreiro en relación ao mes anterior e elevou unha décima porcentual a súa taxa interanual, a 3%, o valor máis alto desde o mes de xuño de 2024, cando alcanzou 3,4%.

O INE explicou que a repunta do IPC interanual a 3% débese ao encarecemento da electricidade, fronte ao descenso de prezos que experimentou en febreiro de 2024. Desde o 1 de xaneiro deste ano, o imposto sobre o valor engadido (IVE) desta enerxía volveu situarse no 21%, fronte ao tipo impositivo de 10% que se estivo aplicando até o 31 de decembro de 2024. 

Por contra, os carburantes e os lubricantes para vehículos influíron á baixa na taxa interanual da inflación de febreiro, ao subir os seus prezos menos que no mesmo mes de 2024.

Subxacente

Con este avance do IPC, a taxa interanual encadea cinco meses consecutivos de ascensos. Por outra parte, o avance de datos incorpora unha estimación da inflación subxacente –sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos–, que en febreiro diminuíu tres décimas porcentuais, a 2,1%, nove décimas por baixo do índice xeral e a menor suba desde decembro de 2021, que tamén foi de 2,1%.

A pesar do aumento do IPC xeral, o Ministerio de Economía destacou que a inflación subxacente xa se sitúa "na contorna do obxectivo" do Banco Central Europeo (BCE).

Ademais, o departamento liderado por Carlos Cuerpo incidiu en que a repunta da inflación en febreiro explícase polo aumento da electricidade, "fronte á baixada dos carburantes, en liña coa moderación dos prezos do petróleo".