Industria anuncia 80 millóns para Stellantis en Aragón a mesma semana na que a mina de litio de Doade foi declarada "estratéxica"

O ministro Jordi Hereu, esta sexta feira. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
Pola súa parte, as fábricas de Benteler Automotive (1,95 millóns de euros) e de Gestamp (890.223 euros) en Vigo recibirán un financiamento considerabelmente menor.

O ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, anunciou esta sexta feira as últimas adxudicacións provisionais dos proxectos estratéxicos para a recuperación e a transformación económica do vehículo eléctrico e conectado (Perte VEC) na súa modalidade III, con 31 novas iniciativas de 22 empresas na liña B vinculadas á cadea de valor industrial do vehículo eléctrico. En total aprobaranse 148,9 millóns de euros en subvencións e máis de 67 millóns de euros en préstamos.

Entre as axudas destacan a de Stellantis Zaragoza, con máis de 80 millóns de euros, e a de Powerco en Sagunt (País Valencià), con perto de 20 millóns, dúas factorías nas que se comezarán a producir nos vindeiros meses batería eléctricas de litio, unha actividade á que optaba a área de Vigo, onde se sitúa a maior fábrica da automoción estatal, mais que finalmente non se desenvolverá na cidade olívica e a súa contorna.

Pola súa parte, as fábricas de Benteler Automotive (1,95 millóns de euros) e de Gestamp (890.223 euros) en Vigo recibirán un financiamento considerabelmente menor ao recibido por Stellantis en Zaragoza ou Powerco en Sagunt.

Ademais, este anuncio por parte do Ministerio de Industria coincide na mesma semana na que a Comisión Europea declarou estratéxica a mina de litio de Doade (Beariz, comarca do Carballiño).

Dunha forma paradoxal, a cidade de Vigo tería, no caso de cumprirse os plans de Bruxelas, tres minas de litio nun radio de 100 quilómetros arredor, posto que alén da mina de Beariz a Comisión anunciou financiamento para dúas explotacións en Trás-os-Montes, no norte de Portugal, mentres Galiza segue carecendo da industria precisa para transformar este mineral considerado "estratéxico" pola Unión Europea e que se podería comezar a extraer en territorio galego.