O IBEX gaña tamén en fóra de xogo
A evasión e elusión de impostos é unha industria, un verdadeiro sector económico que coñecen moi ben as grandes empresas españolas. As firmas do exclusivo IBEX35 teñen 1.285 filiais en paraísos e nichos fiscais, un 40% máis das que posuían no ano anterior. Banco Santander, ACS, Repsol, OHL.... saben ben tirar proveito dos ángulos mortos da regulación para que unha parte considerábel dos seus inxentes beneficios non teñan que tributar. Escribimos sobre isto no Sermos Galiza 261. Eis un extracto.
Para Xavier Casanovas, da Plataforma por unha fiscalidade xusta, non se debe perder de vista que “os beneficios das empresas no Estado español volveron a niveis previos á crise, mais a través do Imposto de Sociedades estase a recadar a metade”. Un desfase, un gran burato que obriga a se preguntar onde está logo ese diñeiro de ganancias que non deixa pegada na recadación de impostos. Diñeiro que non se tributa.
Desas 1.285 sociedades das grandes empresas, o 36% delas están radicadas en Delaware, nos Estados Unidos de América. Son 463 filiais, o 81% delas domiciliadas en dous enderezos específicos de Wimington, unha cidade de apenas 70 mil habitantes. Aquí atopamos 50 sociedades dependentes da ACS de Florentino Pérez, matrices de Ferrovial, 6 sociedades da OHL de Villar Mir, 4 de Sacyr... Delaware é o paraíso para as filiais creadas por estas empresas: os impostos que se pagan son moi baixos; protexe o secreto de privacidade dos propietarios; pódese crear unha sociedade nun día e sen estar fiscalmente radicados nese estado; se non ten actividade en Delaware, a firma non paga impostos...
[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 261, á venda na loxa e nos quiosques habituais]