A guerra das gasolineiras
Co verán chega tamén a suba estacional dos prezos do combustíbel, que na Galiza xa son de por si un dos máis altos do Estado español. O sector está en proceso de transformación coa implantación de estacións de servizo desatendidas, unha medida que a Xunta cre que permitirá o abaratamento dos carburantes; as gasolineiras tradicionais dubidan de que esa sexa a medida que precisa o sector e para a persoa consumidora. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 307 de Sermos Galiza.
Agora, cun novo repunte no prezo dos combustíbeis para automoción –aínda que non é menos certo que hoxe, a comezos de agosto, está por debaixo da cotización media acadada en xuño, por exemplo– e en pleno período vacacional, as consecuencias do incremento dos carburantes percíbense con maior claridade. A consolidación do prezo do combustíbel en niveis altos ten provocado reaccións varias, entre elas a da Asociación Nacional de Estacións de Servizo Automáticas –as denominadas “desatendidas” –, cuxo presidente, Manuel Jiménez, visitou Galiza hai un mes para “denunciar as trabas” da Xunta para a instalación deste tipo de gasolineiras que, asegurou, supoñen un aforro medio de entre 10 e 13 céntimos por litro, é dicir, “aproximadamente 350 euros anuais para cada coche e consumidor”. Jiménez criticou entón a inexistencia dun código de boas prácticas destas estacións (que inclúe aspectos tan sensíbeis como a seguridade, entre outros) prometido nunha xuntanza en marzo polo director xeral de Enerxía, Ángel Bernardo Tahoces, e a obrigatoriedade de inscribirse nun rexistro constitutivo que, segundo manifestou, “adía a posta en funcionamento destas gasolineiras entre un e dous anos”.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 307 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]