González-Formoso rexeita que Siemens-Gamesa feche nas Pontes mentres abre en Francia

O cadro de persoal nunha mobilización o 15 de decembro. (Foto: Europa Press)

As Alcaldías do PSOE na comarca de Ferrolterra anuncian que convocarán unha mesa co resto de Administracións para procurar unha solución que permita reindustrializar a zona.

O alcalde das Pontes e tamén presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso considera “inaceptábel” que Siemens-Gamesa feche a factoría que ten na localidade das Somozas ao tempo que está a montar “unha fábrica de pas de aeroxenerador en Francia”.

Para o representante público esta actitude da multinacional é “a gota que colma o vaso”, dado que  “a consigna é carbón no, renovábeis si, pero o emprego que crean as enerxías renovábeis, que tanto se promete, tampouco”.

González Formoso reflexiona sobre a importancia das políticas económicas ao remarcar que o Goberno francés obriga á empresa a fornecer postos de traballo “se quere instalar alí parques eólicos”, o que fai que marchen do Estado español e da Galiza.

O presidente da Deputación aproveitou a xornada de hoxe para reunirse con alcaldes e representantes dos concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, cos que abordou a desaparición da industria da contorna e falou dun plan para atraer novos investimentos.

Siemens Gamesa marcha e con ela case 300 familias van á rúa”, exemplificou pero aludindo tamén a cuestións como os cambios en Endesa, nas Pontes.

As e os rexedores do PSOE, así como as voceiras municipais dos municipios que non gobernan, acordaron convocar unha mesa na que todas as Administracións aporten as súas ideas para incrementar a aposta da industria no entorno.

Neste sentido o alcalde de Ferrol, Ángel Mato (PSOE), destacou que o “obxectivo é a convocatoria urxente para a reactivación económica das tres comarcas”.