Golpe a Shein e Temu: a UE acorda eliminar a exención arancelaria das compras de baixo custo
Os ministros de Finanzas daUE pactan adiantar dous anos a medida que obrigará as plataformas a pagar aranceis e IVE desde o primeiro euro. A UE busca frear a avalancha de paquetes baratos procedentes de terceiros países.
Os ministros de Finanzas da Unión Europea alcanzaron esta quinta feira un acordo político para eliminar a exención arancelaria que beneficia actualmente as importacións inferiores a 150 euros, un réxime do que se teñen aproveitado especialmente plataformas de venda en liña de baixo custo como Shein e Temu, cuxo crecemento foi "extraordinariamente rápido" nos últimos dous anos.
A proposta inicial da Comisión Europea estabelecía que a medida entraría en vigor en 2028, cando estivese operativo o novo centro de datos aduaneiro da UE. Porén, tras o debate no Ecofin, os 27 acordaron adiantar a súa aplicación a 2026 mediante unha "solución temporal e simple", segundo anunciou a ministra de Economía de Dinamarca e presidenta de quenda do Consello, Stephanie Lose.
A reforma pretende garantir que estas plataformas paguen aranceis desde o primeiro euro de beneficio obtido no mercado comunitario, ademais do IVE correspondente, co obxectivo de frear a saturación dos mercados europeos pola entrada masiva de produtos extremadamente baratos procedentes, maioritariamente, da China e doutros países asiáticos con controis máis laxos.
Segundo datos da Comisión Europea, só o ano pasado recibíronse perto de 4.600 millóns de envíos de baixo custo, o que equivale a 12 millóns de paquetes diarios libres de aranceis por estar valorados en menos de 150 euros. Isto supón o dobre que en 2023 e o triplo que en 2022.
Bruxelas alerta, ademais, de que unha parte destes envíos contén produtos falsificados ou potencialmente perigosos, polo que considera imprescindíbel actualizar as regras aduaneiras para garantir unha competencia xusta co comercio europeo e reforzar a protección dos consumidores.
Co acordo político fechado no Ecofin, a UE traballará agora na implantación da solución provisional que permitirá aplicar o fin da exención en 2026, dous anos antes do previsto inicialmente. A normativa definitiva manterase vinculada á posta en marcha completa do novo sistema europeo de intercambio de datos aduaneiros en 2028.