Gestha suxire revisar a retención ás persoas afectadas por ERTE para evitar sustos

Un traballador da Axencia Tributaria (Eduardo Parra / Europa Press).
Redúcese o mínimo exento para declarar ao ter dous pagadores no mesmo exercicio

Os Técnicos do Ministerio de Facenda (Gestha) queren evitar "sustos" na próxima declaración da Renda ás persoas que como consecuencia da pandemia da Covid-19 se viron afectadas por un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE).

Como explican desde Gestha, as persoas que se acolleron a esta figura terán a efectos fiscais dous pagadores, que son o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) e a súa propia empresa, o que reduce a marxe de obriga para presentar a declaración dos 22.000 aos 14.000 euros.

Neste senso, os técnicos de Facenda recomendan a este colectivo de traballadores e traballadoras que soliciten ao SEPE ─pagador da prestación de ERTE─ ou á súa propia empresa que practiquen axustes nas retencións de cara a evitar sorpresas no Imposto da Renda das Persoas Físicas (IRPF) o vindeiro ano. "Dada a escasa ou nula retención aplicada ás prestacións públicas (en referencia ás dos ERTE), a carga tributaria trasladarase á declaración da renda de 2020", avisan.

Por este motivo, o persoal técnico de Facenda aconsella contactar coa empresa e co SEPE para corrixir esta situación. Deste modo, precisan, o pagamento sería o mesmo, mais cunha maior retención mensual (que tamén reduciría o importe líquido a percibir) o impacto na próxima declaración da renda do cobro da prestación do ERTE sería moito menor.

En todo caso, apuntan desde Gestha, o resultado da mesma variará en función das circunstancias de cada cidadán e o cobro dos ERTE afectará fundamentalmente a aquelas persoas que teñen unhas percepcións en diñeiro a maiores.