O gasto militar do Estado aumentou un 10,5% en 2018
Nos últimos meses, o presidente dos EUA, Donald Trump, ten manifestado en diversas ocasións a necesidade de que a Unión Europea incremente substancialmente o gasto militar. O obxectivo, que Estados como o español destinen a este sector partidas equivalentes ao 2% do Produto Interior Bruto, formulación apoiada pola última ministra de Defensa do Partido Popular, María Dolores de Cospedal. Hoxe, a porcentaxe sitúase na contorna do 1,67%.
O Centre Dèlas d´Estudis per la Pau de Catalunya leva anos analizando polo miúdo as cifras do gasto militar no Estado español e chamando a atención sobre o substancial desfase entre o orzamentado e o finalmente liquidado nos Presupostos Xerais do Estado (PXE). Durante moitos anos, en concreto até 2016, o orzamento inicial para Defensa estaba moi por baixo do efectivamente gastado ao peche de cada exercicio. Desde entón, os ditames do Tribunal de Contas e do propio Constitucional obrigaron ao Goberno a rematar coa práctica dos créditos extraordinarios que servían recorrentemente para cumprir coas achegas aos Plans Especiais de Armamento (PEAs) aprobados xa durante o primeiro mandato de José María Aznar (1996-2000). Na práctica, estas "modificacións" de crédito chegaban a supor subas de até o 10% respecto do orzamento inicial.
Desde 2017, esas partidas "extraordinarias" pero invariabelmente fixas están incluídas no orzamento, o que, en termos cuantitativos supón que o gasto militar anual do Estado se atope moi perto dos 20.000 millóns de euros, é dicir, a cifra máis alta desde o ano 2009, cando se superou lixeiramente esa contía.
Entre 2017 e 2018, o diñeiro público destinado ao Ministerio de Defensa aumentou un 10,7%. Tendo en conta o resto dos departamentos que conteñen partidas de uso exclusivo das Forzas Armadas, este incremento sitúase por riba do 7%, superando así os aumentos en servizos esenciais como Sanidade (3,9%), Educación (3%) ou Cultura (4,6%). Respecto do conxunto dos PXE, Defensa absorbe o 4,42% do orzamento. Per cápita, o investimento pasou de 401,55 euros en 2017 a 428,07 o ano pasado.