Os gandeiros instan os eurodeputados a "parar Mercosur" no pleno do Parlamento Europeo
O sector agrogandeiro voltou a saír esta terceira feira ás rúas para "rexeitar o tratado da UE-Mercosur", após a súa firma a semana pasada en Paraguai, e para presionar os eurodeputados galegos co fin de que se posicionen a favor de levalo aos tribunais.
En Lugo, decenas de persoas manifestáronse cos seus tractores e sinalaron directamente os eurodeputados do Partido Popular, Francisco José Millán e Adrián Vázquez, e mesmo ao socialista Nicolás González Casares. Nunha pancarta xigante, preguntábanlles pola súa posición, a favor, con respecto o acordo: 'Estes son os que nos venderon. Por que o fixestes?'. Na protesta estivo presente o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. Mesma tónica en Ourense, onde levan varios días paralizando a N-120 que une a cidade con Lugo. Tamén houbo mobilizacións en Estrasburgo (Francia) con gandeiros chegados de todas as partes de Europa.
O sector segue presionando nunha xornada que será clave. O Parlamento Europeo decidirá esta cuarta feira ao mediodía se solicita ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) un ditame sobre a legalidade do acordo UE–Mercosur. Os eurodeputados que se mostraron en contra do acordo, queren preguntarlle á Xustiza se o tratado ten que estar dividido en dúas partes, como está agora: a comercial e o acordo marco. Aliás, preguntarán se vai haber máis salvagardas europeas en determinados produtos como a carne. Unha posición que mantén o BNG e que rexeitada o presidente de Paraguai. A terceira cuestión vai na liña de se se deben reducir os controis nos produtos.
En caso de que a votación teña como resultado levar o acordo á Xustiza, isto só paralizaría a votación de ratificación do acordo. É dicir, "non implica que se rompa definitivamente, senón que se retrasaría a súa votación no Parlamento Europeo, prevista para mediados de ano, até que o TXUE emita a súa resolución", sinala o eurodeputado Nicolás González Casares a Nós Diario.
Posionamento "claro"
Desde as asociacións agrogandeiras sinalan directamente aos eurodeputados galegos: "Pedímoslles que nos dean unha explicación de cales son as vantaxes tan marabillosas que aseguran que ten este acordo para o sector primario", sinala Noelia Rodríguez, presidenta de Agromuralla, en declaracións a Nós Diario. Exíxenlles, ademais, un posicionamento "claro e contra o acordo cando haxa que facer a ratificación do tratado en Bruxelas".
Ante a votación que se levará a cabo esta cuarta feira, o sector non confía no voto dos eurodeputados galegos so PP e do PSOE. "Aquí a pé de campo, cóntannos unha cousa. Despois, nos medios, outra, e nas votacións voltan a cambiar. Así non se pode confiar", declara Rodríguez indignada. Con todo, agardan que "a base de escoitar as reivindicacións, muden de opinión". "Non traballamos paras eles, eles traballan para nós, porque os eliximos e o seu traballo é representarnos", asegura a presidenta de Agromuralla. "Se quen nos representa, non está conforme connosco, hai un problema. Teñen un problema", indica Rodríguez en declaracións a este xornal.
A posición dos eurodeputados galegos
O eurodeputado do PSdeG, Nicolás González Casares, destaca a Nós Diario que non ve necesario que se leve este recurso ao tribunal europeo e desvela o seu voto: "Non é necesario este recurso porque é un acordo que se leva 25 anos negociando e pulindo. Vou votar en contra de ir ao TXUE". Aliás, deixa claro que "non se vai permitir que se vendan produtos que non se poderían pór á venda".
Tamén envía unha mensaxe ás gandeiras e aos gandeiros que levan xa varias semanas mobilizándose polo país. "Entendo perfectamente a súa preocupación, non son alleo ao mundo gandeiro. Quero transmitir a tranquilidade xa que están limitados os alimentos que entran cun baixo arancel, como o vacún, e tamén non deixa de ser certo que boa parte das cabezas de gando da Galiza consomen pienso que están feitos maioritariamente con produtos que veñen do Mercosur".
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, posiciónase en contra do acordo e votará a favor de que a Xustiza europea o revise. "É un acordo antidemocrático porque se fixo ás costas do Parlamento Europeo", sinala en declaracións a este xornal. Miranda ve necesario que o máximo organismo de Xustiza europea faga un ditame e considerou isto unha vía de "protexerse" ante un acordo "moi lesivo para Galiza". "Mantémonos firmes na postura que mantivo o BNG desde un inicio", conclúe.
O Partido Popular declinou facer declaracións ao respecto e sinalaron a Nós Diario que se atopaban estudando a súa posición na votación desta cuarta feira.
Continuarán as protestas
Gandeiros e labregos sinalaron que están "a montar un plan a moi curto prazo" con respecto á posibilidade de mobilizarse en novas protesta, aínda sen desbloquear a N-120, que permanece cortada tras varias xornadas.
Así o trasladaron tras a reunión celebrada esta terceira feira coa secretaria xeral técnica da Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático, Carmen Bouso, a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
"Comprometéronse a darnos voz, que non voto, nas reunións, pero sorpréndenos que, cada vez que explicamos cuestións xerais de agricultores e gandeiros, dámonos conta de que non son conscientes dos problemas do sector", sinalou Miguel Gómez, portavoz dos manifestantes e gandeiro de Maceda.
A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, tamén mantivo esta terceira feira reunións co sector e dixo que instará á Xunta e Goberno Centrall a adoptar medidas destinadas a garantir unha aplicación "responsábel" do acordado entre a Unión Europea e os países americanos.