Por que algúns sindicatos gandeiros están a pedir a dimisión do ministro Alberto Garzón?

O ministro Alberto Garzón, nun acto decorrido o pasado decembro. (Foto: Europa Press)
Un bo grupo de representantes do sector cárnico amosa o seu malestar coas declaracións do titular da carteira de Consumo ao xornal 'The Guardian'. As reaccións na Galiza tamén comezan a chegar.

O sector agrario e gandeiro de todo o Estado español -comezan a chegar tamén as queixas de sindicatos a nivel galego- exixe a dimisión do ministro de Consumo, Alberto Garzón, após o que consideran un ataque seu ao sector cárnico.

Sindicatos españois como a Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros (UPA) é un dos colectivos que denuncia unha suposta campaña en contra da gandaría por parte de Garzón.

Segundo afirman, esta viría de meses atrás pero o malestar volveuse disparar ao coñecer as últimas declaracións do representante de Goberno do Estado español.

Este tería asegurado ao medio británico The Guardian: “Atopan un pobo na España baleira e instalan 4.000, 5.000 ou 10.000 cabezas de gando. Contaminan o chan, a auga, e exportan esa carne de animais maltratados”.

Ante estas declaracións que UPA ve “irresponsábeis e directamente falsas”, pídese a Garzón que “rectifique ou dimita”.

Para este sindicato, o político ten “tarefas moito máis urxentes e importantes que atacar os produtores”, aludindo á inflación ou ao desequilibrio existente na cadea agroalimentaria.

O exemplo de 'Tenreira Galega'

As reaccións na Galiza tamén comezan a chegar. Unións Agrarias (UUAA) reclamou que o ministro sexa destituído “pola actitude de desprezo ao sector agrogandeiro e ao medio rural”.

O colectivo lembrou, ademais, que a industria cárnica "supón o último sostén económico e social para comarcas enteiras” e acusou Garzón de procurar notoriedade cos seus supostos ataques.

UUAA apuntou ao modelo de Tenreira Galega como a antítese do maltrato.

O PP entra no debate

Neste contexto tamén comezan as acusacións políticas. O vicesecretario de Participación do PP, Jaime de Olano, que visitaba Lugo esta terza feira considerou que o representante “ten que ir á súa casa”.

“É inaudito que un ministro, que non ten competencias e tampouco coñecementos na materia, se dedique a denigrar a todo o sector gandeiro”, criticou.