Gamesa e Vestas resisten no sector eólico entre ameazas de feche

Pas para un parque eólico no porto de Ferrol (Greenalia)
Galiza ten case 4.000 megavatios de potencia eólica instalada repartidos en máis de 180 parques eólicos. Porén, o país perdeu a oportunidade de liderar un sector, o das auxiliares de fabricación de pas, fustes e aeroxeradores eólicos, que chegou a dar emprego a máis de 5.000 persoas nos anos de bonanza. 

Galiza chegou a ter a comezos do presente século máis de 5.500 traballadores e traballadoras nas empresas auxiliares do sector eólico. Firmas locais como LM Composites, Emesa, Isowat ou Norvento foron protagonistas do nacemento dunha nova industria no país que viu truncado o seu crecemento coa chegada do PP á Moncloa e a aprobación de leis contrarias ao fomento das enerxías renovábeis. Algunhas delas xa desapareceron, e as que sobreviven fano con grandes dificultades. 

A comarca de Ferrol chegou a ser un referente nesta industria, que estaba chamada a aproveitar o bo facer dos traballadores do sector naval e a relanzar un territorio deprimido pola falta de oportunidades laborais. 

Empresas como Gamesa e a multinacional Vestas apostaron por instalar na Galiza fábricas de pas e fustes cando viron o potencial do que hoxe é o terceiro territorio con máis potencia instalada do Estado español, con case 4.000 megavatios (MW) repartidos en 187 parques. 

A saída do PP da Moncloa supuxo un novo renacer para a eólica, pero cando a industria volveu funcionar, moitas das firmas xa quedaran no camiño. Isowat foi a última en caer, como denunciou o propio cadro de persoal, pola "inacción" da Xunta e a falta de sensibilidade de Abanca, propietaria das instalacións.

Norvento é das poucas que resiste sen demasiadas dificultades. Emesa, agora en mans do Grupo Soil e coa Xunta como acredora, está nunha delicada situación económica que mesmo fixo acender as alarmas por un posíbel feche. 

E se a industria local está mal, a foránea non está moito mellor. Na planta de Gamesa das Somozas miran con preocupación os últimos movementos corporativos da multinacional, que xa anunciara despedimentos para o presente exercicio, e Vestas vén de despedir tres empregados, cando en xaneiro anunciara que non habería despedimentos este ano. No sector temen que ambos os dous xigantes poidan seguir os pasos de Alstom e marchar da Galiza para xa non volver.