A folga dos traballadores marca o inicio da semana chave para o futuro de Alcoa

Planta de Alcoa en San Cibrao, no concello de Cervo (Arxina).
Industria presentará á dirección de Alcoa un plan industrial a dez anos e unha relación de investidores interesados na planta de aluminio primario.

Os traballadores de Alcoa en San Cibrao (Cervo) iniciaron onte unha folga indefinida nas instalacións da factoría para denunciar a situación límite na que se atopa o complexo industrial. A mobilización coincide co arranque dunha semana na que, se a empresa non muda de parecer, rematará o período de consultas do ERE que pretende aplicar a multinacional aos 534 traballadores da planta de aluminio primario. 

Nesta fase, cada hora que pasa  é crucial, de aí que as reunións sexan cada vez máis frecuentes.  O comité de empresa, presidido por José Antonio Zan, intenta que a multinacional amplíe os prazos para negociar o ERE, máis tamén trata de lograr un compromiso firme por parte das administracións para salvar a factoría de Cervo.

Neste senso, na reunión mantida na tarde de onte co secretario de Industria, Raúl Blanco lles informou de que ían presentar á dirección de Alcoa o plan industrial a dez anos deseñado para a planta de aluminio primario, así como os nomes dos supostos investidores interesados, que tamén lle serán notificados á representación dos traballadores nos vindeiros días.

Esta quinta feira, o comité terá tamén unha data para reunir á mesa multilateral, que o propio Zan cualificou de "necesaria" e "factible" para dar unha solución á actual situación.

En relación a esta xuntanza con Blanco, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, reclamou un "encontro presencial" co secretario de Industria na que o ministerio "oficialice as xestións realizadas desde o 23 de xuño para desenvolver a súa proposta industrial, na que todas as partes queden retratadas nos seus posicionamentos". 

As auxiliares, á folga hoxe 

As empresas auxiliares, nas que o fechamento das instalacións de aluminio primario podería deixar na rúa preto de 400 traballadores e traballadoras, tamén teñen pensado secundar a folga.

En declaracións a Nós Diario, o portavoz da plataforma de auxiliares de Alcoa, Kike Rocha, recoñeceu que non puideron sumarse á xornada de onte por non ter preparado a tempo toda a documentación solicitada. Ao igual que os traballadores da principal, inciden na necesidade de traballar coas Administracións públicas, nomeadamente o Goberno español na procura dunha solución que garanta a continuidade da actividade na planta de aluminio primario.

Tamén lamenta que, pese a depender directamente de Alcoa, a empresa non os queira recibir nin os teña en conta nas negociacións. "Non queren ter relación con nós",  sinala Rocha.

Outra proba diso é a situación xerada onte. Alcoa impediu o acceso á fábrica aos traballadores e ás traballadoras das auxiliares para realizar o seu labor con normalidade, unha situación que CIG, UXT e CCOO denunciaron ante Inspección de Traballo.

Como lembran, a folga convocada polo comité de Alcoa só afecta o persoal da principal, polo que o das auxiliares acudiu con normalidade ao seu posto.

Desde a coordinadora de auxiliares critican este fechamento patronal e acusan a Alcoa de empregar a folga como escusa para parar a produción, reducir a carga de traballo e aforrar cartos a conta dos traballadores.