Extracción na Galiza, transformación fóra: Galiza fica sen a industria que podería producir baterías co litio da mina de Doade

Pilar Alegría (cuarta pola esquerda), Jorge Azcón (no centro) e Jordi Hereu, (cuarto pola dereita), o pasado 17 de xaneiro na planta de Figueruelas, o municipio aragonés onde se instalará unha macrofactoría de baterías eléctricas de litio. (Foto: Ramón Comet / Europa Press)
Unha empresa aragonesa pretende explotar litio na Galiza, mineral necesario para as baterías eléctricas que se producirán en Aragón. Vigo optaba á construción destes elementos da automoción, mais polo de agora, a nivel galego, sobre a mesa só está a extracción da materia prima, non o seu valor engadido. 

Galiza fica de novo no albo dunha estratexia de extracción de recursos que, unha vez máis, non deixaría o valor engadido no país, senón que, de saír adiante o proxecto "estratéxico" da mina de Doade (Beariz, comarca do Carballiño), o litio sería aproveitado, na maior parte, pola industria e o capital aragonés.

SA Minera Catalano Aragonesa (Samca), o grupo do que forma parte Recursos Minerales de Galicia –a empresa que desexa explotar a mina de Doade, anteriormente coñecida como mina Alberta–, ten a súa sede en Ariño (Aragón), a menos de 100 quilómetros do municipio aragonés de Figueruelas, onde a multinacional da automoción Stellantis produce vehículos, e tamén onde, en colaboración coa chinesa CATL, a compañía instalará unha macrofactoría de baterías de litio para a fabricación de coches.

Dunha forma paradoxal, Vigo, onde está a maior fábrica de vehículos do Estado –e propiedade tamén de Stellantis–, tería no caso de cumprirse os plans de Bruxelas, tres minas de litio nun radio de 100 quilómetros arredor, posto que alén da mina de Doade, a Comisión Europea declarou "estratéxicas" dúas explotacións en Trás-os-Montes, na fronteira entre Galiza e Portugal.

Deste modo, os plans do Executivo da Unión Europea (UE) deixarían na Galiza –e en Trás-os-Montes– o impacto ambiental dunha actividade que prevé extraer 500.000 toneladas anuais de rocha das montañas da comarca do Carballiño durante 42 anos, algo do que se aproveitaría unha empresa mineira aragonesa e a produción tecnolóxica de alto valor engadido que se instalaría en Aragón.

A pesar do impacto ambiental que deixarían unhas minas destas características, e de que as tres estarían localizadas na contorna de Vigo, a cidade olívica non conta –nin hai visos de que así sexa– cunha factoría de baterías eléctricas. Polo tanto, a extracción de litio, alén das consecuencias sobre a contorna, non posibilitará un fechamento deste ciclo produtivo na Galiza.

Vigo ensambla na fábrica de Stellantis centos de baterías diarias para a fabricación dos seus modelos eléctricos e, dentro desta lóxica, a Xunta da Galiza e a Zona Franca de Vigo teñen anunciado diversos proxectos para a súa construción na Galiza, con emprazamentos potenciais como o porto seco de Salvaterra de Miño (O Condado). 

Porén, os plans do Goberno galego de captar investimento para unha industria que situaría Galiza como un territorio clave na cadea de produción da automoción non deron resultado. Por contra, semella que a aposta para o territorio galego será de novo outra industria de enclave, a extracción do litio, que será logo transformado noutro lugar. 

Catalunya contará coa primeira fábrica de baterías de litio do Estado, que se situará en Martorell e estará lista para producir a finais deste ano, e en 2026 prevese que comece a actividade na de Sagunto (País Valencià).

O obxectivo do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, era que a área de Vigo fose a seguinte en contar cunha factoría destas características, algo que finalmente non conseguiu, ao contrario que o seu homólogo aragonés e compañeiro do PP, Jorge Azcón.

4.000 empregos máis en Figueruelas coa factoría

Stellantis e CATL prevén a creación de 4.000 postos de traballo directos na macrofactoría de baterías de litio en Figueruelas, "con oportunidades de emprego adicionais" xeradas en actividades relacionadas coa cadea de subministración. O anuncio da fábrica chegaba horas despois dunha reunión na Moncloa entre o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e o da compañía chinesa, Robin Zeng, para discutir sobre o proxecto.

A macrofactoría de baterías de Aragón prevé a creación de 4.000 empregos directos

A reconversión da planta de Figueruelas coa instalación da fábrica de baterías recibiu case 300 millóns de axuda estatal a través de fondos da UE, algo clave para que finalmente saíse adiante o proxecto. Pola súa parte, Azcón (PP), acompañado do ministro de Industria, Jordi Hereu, e da portavoz do Executivo estatal, Pilar Alegría, realzou na altura "a cooperación" entre administracións e o criterio de "antepor o interese xeral" para lograr a instalación da factoría.

En contraposición aos 4.000 postos de traballo directos anunciados en Figueruelas, na mina de Doade nin sequera se dá unha cifra, posto que a empresa fala da creación de 320 empregos, iso si, entre directos e indirectos.

A mina de Doade non concreta os postos de traballo que xeraría

E neste contexto, o director da factoría de Vigo do grupo Stellantis, José Luis Alonso Mosquera, puxo esta cuarta feira o foco na importancia das enerxías renovábeis para reducir a pegada de carbono da compañía e os seus custos. "A man de obra e a enerxía supoñen 70% do custo de produción dun vehículo", afirmou na "posta de longo" da que cualificou como a maior planta solar fotovoltaica sobre cuberta do Estado español destinada ao autoconsumo, que foi instalada sobre as naves da planta viguesa.

Con todo, xa que non atendeu aos medios de comunicación ao final do acto, non houbo preguntas ao director da planta da cidade olívica ao redor de ningunha cuestión sobre o presente e o futuro da factoría viguesa nin sobre a situación da compañía e o sector da automoción en xeral.

A compañía quere comezar a escavación da mina en 2026

Recursos Minerales de Galicia (filial da aragonesa Samca) sinalou esta cuarta feira que prevé comezar a escavar a mina de Doade en 2026 e a extracción de litio en 2028. Segundo asegura a firma, o proxecto está "próximo" a saír a exposición pública. 

Neste sentido, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, asegurou esta cuarta feira que a tramitación ambiental terá "o máximo rigor", ao "igual" que as demais xestións a cargo de su departamento.

Pola súa parte, o delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Branco, manifestou que a decisión adoptada pola Comisión Europea para impulsar o proxecto mineiro de litio é "un primeiro paso" no proceso para a obtención deste elemento químico, 
"de absoluta necesidade".

A este respecto, a deputada do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, remitiu unha carta ao vicepresidente executivo da Comisión Europea para a Estratexia Industrial, Stéphane Séjourné, na que se mostrou en contra da selección da mina de litio de Doade como un dos 47 proxectos estratéxicos de 'materias primas críticas'. "Galiza non pode ser territorio de espolio para satisfacer os intereses bélicos da UE", afirmou. Tamén o deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, alegou o "altísimo impacto ambiental" do xacemento para oporse ao "plan militarista" europeo.