Estes son os supermercados máis caros, os máis baratos e os que máis encarecen en 2025, segundo a OCU

Unha muller facendo a compra nun supermercado. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

O café encabeza as subidas cun incremento do 54,1%%, seguido dos plátanos (+35,9%) e os limóns (+33%).

O cesto da compra encareceuse de media un 2,5% no último ano, a menor subida nos últimos catro exercicios, o que non impide que moitos produtos se atopen en niveis récord, segundo a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU), que publicou o seu estudo anual de supermercados, que ten como obxectivo informar os consumidores sobre como poden aforrar na súa cesta.

Así, un 61% dos produtos que compoñen a cesta OCU subiu de prezo. En concreto, o café encabeza as subidas cun incremento do 54,1%, seguido dos plátanos cunha alza do 35,9% e os limóns, que encareceron un 33%, mentres que os ovos tamaño M subiron un 29,8% e o chocolate con leite, un 28,8%.

Aliás, o aceite de oliva baixou un 53%, o azucre un 25,7% e o zume de laranxa un 23,7%.

Polo que respecta á evolución do prezo dos alimentos envasados, este ano, segundo a OCU, non houbo unha diferenza significativa entre que fosen de marca de fabricante ou de marca branca. En xeral, mentres que os alimentos envasados subiron un 0,8%, a variación dos produtos frescos chegou ao 6,7%, o que, desde a organización "preocupa", posto que estes produtos son "a base da dieta mediterránea". O prezo das froitas e verduras creceu de media un 8,2%, á vez que as carnes fixérono nun 7% e os peixes nun 3,4%.

Para levar a cabo este estudo, a OCU elaborou unha "cesta da compra" composta por 241 produtos de 80 categorías diferentes que inclúen alimentación fresca (froitas, verduras, carne e peixe), alimentación envasada, produtos de hixiene e drogaría tanto de marcas líderes de fabricante como de marcas brancas, e recolleu 106.320 prezos en 718 estabelecementos, incluíndo os principais os supermercados en liña e calculando os índices de 183 cidades.

OCU denunciou a "importante subida acumulada" que suman nos últimos anos os alimentos básicos, con especial incidencia nas familias con menos recursos que "deixaron de consumir produtos frescos" ou viron reducida de forma significativa a súa capacidade adquisitiva.

Hipercor e Lidl, as que más soben, segundo a OCU

Todas as principais cadeas subiron o seu nivel de prezos. Con todo, segundo a OCU, hai notábeis diferenzas: Hipercor (+7%) e Lidl (+6,8%) son as cadeas que máis soben, mentres que Carrefour (+1%) e Alcampo (+0,5%), as que menos.

Segundo a organización de consumidores, as cadeas máis baratas son: Supermercados Dani, Alcampo, Tifer e Family Cash, fronte a Sorli Discau, Supercor e Sánchez Romero, as máis caras.

Así mesmo, os hipermercados Alcampo do centro comercial de Bonaire, nos arredores de València, en Aldaia, e o Alcampo de Coia en Vigo son os estabelecementos máis baratos a nivel estatal. Os supermercados Sánchez Romero de Arturo Soria e Castellana en Madrid, pola súa banda, son os máis caros, segundo a OCU.

O estudo de OCU mostra un aforro medio estatal entre a cesta da compra do estabelecemento máis barato e do máis caro de 1.132 euros, un 18% do gasto medio anual, que alcanza os 6.259 euros.

Diferenzas entre as cidades

A OCU sinala, con todo, que este aforro non é uniforme, senón que hai grandes diferenzas entre cidades, debidas principalmente á diversidade e amplitude da oferta comercial, e non tanto pola existencia dun nivel de prezos diferente entre elas.

Así, a maior diferenza de prezos entre o estabelecemento máis caro e o máis barato prodúcese en Madrid e chega até os 4.270 euros, seguida de localidades próximas como Alcobendas e Majadahonda con 3.959 euros, Pozuelo de Alarcón con 3.714 euros e, a unha distancia maior, outras como Las Palmas de Gran Canaria, con 2.156 euros, ou León con 1.984 euros, fronte a cidades como Lepe (256 euros) ou Roquetas de Mar (242 euros), onde apenas hai diferenzas entre os prezos dos distintos estabelecementos.

Da mesma forma, tamén hai grandes diferenzas por cidades, sendo as máis baratas Sanlúcar de Barrameda e Torrent, e Cerdanyola del Vallès e Castelldefels, as máis caras para facer a compra.

O País Valencià é a Comunidade Autónoma máis barata, seguida de Murcia, Galiza, Estremadura e Andalucía, mentres Baleares, Catalunya e Euskadi, son as máis caras.

A OCU destaca que o estudo de prezos de supermercados demostra que aínda perduran os efectos da "espiral inflacionista" dos últimos anos e, aínda que as subidas se retardaron, moitos prezos non baixaron e mantéñense excepcionalmente altos, polo que, segundo informa a organización, "unha gran parte das familias non recuperou o poder adquisitivo perdido".

Desde OCU insístese na redución do IVE dos produtos básicos, incluíndo a carne e o peixe, e na ampliación das axudas para a compra de alimentos ás familias nunha situación de maior vulnerabilidade, mentres reclaman ao Ministerio de Consumo e ao Ministerio de Agricultura a investigación ao longo da cadea alimentaria para identificar "posíbeis especulacións", ou saber se as subidas se deben a outros factores da oferta como "a climatoloxía".