Eólicos e prezo da luz
Dúas son as características extremas, na aplicación, máis recoñecíbeis na práctica da Consellería de Economía e Industria da Xunta da Galiza e da súa titular, María Jesús Lourenzá: a infrautilización das súas competencias en industria pola ausencia de uso e a hiperutilización comunicativa de grandes declaracións e anuncios, tamén atrofiada pero pola súa non concreción.
Xa hai anos que as políticas enerxética e industrial do Partido Popular na Xunta redúcense a "acompañar" os proxectos que planifican as empresas segundo os seus propios intereses, comportamento que non ocultan, como se desprende dunhas recentes declaracións da conselleira para explicar o resultado da súa visita a China e da posibilidade de investimentos: "Ofrecémoslles as capacidades que temos, o chan onde poden instalarse". Logo as nosas capacidades limítanse a entregar o territorio.
Máis eólicos
Na outra banda, e mentres no Estado o Partido Popular lidera a defensa das institucións e dos fallos xudiciais partidistas, na Galiza acompaña, xunto co Partido Socialista, as empresas promotoras e a patronal na fronte contra as resolucións dunha institución, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), sobre os eólicos. E a conselleira anuncia, para xustificarse, un menor "prezo da luz" de instalarse máis eólicos na Galiza, sen explicar como se consegue iso no actual sistema tarifario estatal e cunha factura na que teremos que pagar, como peaxe do sistema, 6.700 millóns de euros de investimento nas redes, orientadas e deseñadas para levar a electricidade a onde se consome, mais non se produce.
É acaído lembrar tamén, por cuestión de credibilidade, o anterior anuncio da propia Consellería de Economía e Industria ao informar que a creación da comercializadora da empresa privada-pública Recursos de Galicia suporía a rebaixa de 50% no recibo da luz nos concellos con parques eólicos. Rematando xa 2025, das case 600.000 persoas dos 112 concellos con eólicos (35,7% dos concellos galegos), só os pioneiros Muras e Moeche, con gobernos nacionalistas e a custa dos seus modestos orzamentos, dispoñen de axudas para as facturas eléctricas individuais, incluso a 100%.
'Cuñadismo político'
Mais á falsidade de que máis eólicos vai significar menor prezo da luz na Galiza súmase tamén o PSOE. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, nun acto habitual nel de cuñadismo político, neste caso enerxético, afirmou, de xeito hipócrita e/ou irresponsábel, que "se non queremos carbón, nin gas, nin eólica, de onde sacamos a enerxía".
Para termos un prezo menor da electricidade non precisamos máis eólicos, senón promover cambios na lexislación do sector eléctrico
Por moita oposición formal á creación dunha Tarifa Eléctrica Galega e por moita confusión interesada que pretendan o PP e o PSOE, a cuestión está ben diagnosticada dende hai tempo; xa en 1968, hai case 60 anos, o profesor galego Xesús Cambre Mariño era quen de explicalo: "O feito de que Galiza produza máis electricidade da que pode consumir non significa que a enerxía utilizada na Galiza sexa máis barata para os usuarios. Pola contra, dado que as empresas distribuidoras non poden cobrar de forma discriminatoria os custos de transporte e perdas de fluído na súa condución aos usuarios extra-rexionais, estes custos e aquelas perdas en liña serán prorrateados entre todos os abonados do Estado, dende onde resulta que o consumidor galego ten que pagar parte do que debería pagar o consumidor madrileño ou andaluz. Como vedes, o beneficio é negativo para Galiza".
A conselleira e o presidente da Deputación, o PP e o PSOE, saben que Galiza é exportadora de electricidade dende hai moitos anos, que dende o 2022 a nosa xeración eléctrica renovábel é superior a un consumo galego que continúa a decrecer con valores actuais por debaixo dos pre-Covid, e que, como informa o Consello Económico e Social, a potencia instalada de eólicos por quilómetro cadrado na Galiza é a máis alta do Estado.
Mudanzas lexislativas
O que tamén saben o PP e o PSOE é que a lexislación básica actual do sector eléctrico non permite tarifas diferenciadas por comunidades autónomas, como si acontece noutros Estados, e que para termos unha Tarifa Eléctrica Galega son precisas modificacións legais, como propón a CIG no seu documento específico, cambios non aceptados polo centralismo madrileño que só produce 4% da electricidade que consome e non ten nin vai ter eólicos.
Logo o certo é que para termos un prezo menor da electricidade para Galiza, neste momento, non precisamos de máis eólicos, senón a decisión e o compromiso político de promover cambios na lexislación do sector eléctrico. E, en calquera caso, o PSOE e a Xunta do PP procuran, de momento, só a defensa dos intereses das empresas promotoras e, como dicía a conselleira, ofertar o territorio. Iso si, un territorio que debe continuar a ser de sacrificio.