Entra en vigor o aumento de 25 a 50% dos aranceis ao aceiro e ao aluminio aprobado por Trump
EUA enviou unha carta a socios comerciais para lembrarlles a próxima data límite nas negociacións arancelarias
O presidente de Estados Unidos, Donald Trump, asinou esta segunda feira unha directiva que aumenta os aranceis ao aceiro e ao aluminio de 25 a 50% a partir deste 4 de xuño, no marco da guerra comercial aberta pola súa Administración para aplicar a súa axenda proteccionista.
"Determinei que é necesario e apropiado aumentar a taxa arancelaria para as importacións de artigos de aceiro e artigos derivados do aceiro, e artigos de aluminio e artigos derivados do aluminio, de 25% 'ad valorem' a 50% 'ad valorem'", reza o documento.
Acordo particular co Reino Unido
Na directiva, o inquilino da Casa Branca sinalou que Reino Unido recibirá "un tratamento diferente" para as importacións de artigos de aceiro e aluminio, con motivo do acordo bilateral asinado a principios de maio entre as partes.
Tal e como explicou, os gravames anteriores "aínda non permitiron" ás industrias dos EUA "desenvolver e manter as taxas de utilización da capacidade produtiva necesarias", aínda que "contribuíron a proporcionar un soporte crítico dos prezos no mercado estadounidense".
Carta aos socios comerciais
Previamente, a portavoz da Casa Branca, Karoline Leavitt, confirmou que a oficina do representante comercial dos Estados Unidos, Jamieson Greer, enviou unha carta aos socios comerciais para lembrarlles que a data límite nas negociacións arancelarias "achégase". "Esta carta era simplemente para lembrarlles a estes países que a data límite achégase e que o presidente espera bos acordos. Imos por bo camiño para logralo", explicou nunha rolda de prensa na que asegurou que están "en conversacións con moitos" dos socios "chave".
Trump suspendeu en abril durante 90 días os chamados aranceis recíprocos para dar tempo ás negociacións cos seus socios comerciais –conservou aínda así as taxas específicas ao aceiro e ao aluminio en 25%–. Tras manter unha chamada coa presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, accedeu a atrasar até o 9 de xullo os aranceis de 50% á Unión Europea.
Todo insto antes do tirapuxa que mantén o presidente dos EUA coa xustiza do seu país. Hai unha semana o Tribunal de Comercio estadounidense declarou "ilegais" os aranceis de Trump, unha medida que o xefe do Goberno recorreu de inmediato. Apenas 24 horas despois un tribunal de apelacións levantou o bloqueo contra as taxas recíprocas anunciadas a primeiros de abril.