Unha empresa galega supera a crise da construción desde O Porriño co pavimento 'intelixente'

Prosistemas foi quen de multiplicar por 3 a súa facturación e duplicar o seu cadro de persoal desde 2008, desafiando a crise. A empresa do Porriño é líder en pavimentos industriais e comerciais en Europa a base de, recoñecen, ''inconformismo, I+D+i e esforzo''.

Unha empresa con sede central no polígono da Granxa, no sur de Galiza, ten unha carteira de clientes nas que están algunhas das máis grandes (e coñecidas) multinacionais do mundo: desde Inditex a Ikea. Son só dous nomes nos centos de compañías, firmas e empresas que confían en Prosistemas, un nome que é sinónimo do “chan do século XXI” e “pavimentos intelixentes”.

Prosistemas naceu vai para 30 anos, creada por tres socios. Especializados no pavimento continuo de formigón e de resinas tanto para uso industrial como comercial. En 2008 a súa facturación era de cinco millóns de euros e tiña 40 empregados. Na actualidade, e malia atravesarmos unha crise sen precedentes que golpea especialmente a construción, Prosistemas factura 14 millóns de euros e o seu cadro de persoal é de 76 persoas. E que fai? Pavimentos. Mais pavimentos de calidade e con propiedades únicos. Non se manchan nin raian, entre outras cousas. Prosistemas ten máis de 12 patentes neste campo.

Confianza

O profesor de Economía Financeira da Universidade de Vigo Francisco Xavier Martínez explica este éxito fronte á crise en tres factores: inconformismo (“é o motor, Prosistemas non se quedou no fácil nin quixo ser unha sub-contrata”), aposta na innovación e o compromiso de tod@s os que integran a empresa.

Para Jesús Díez, do Instituto Español do Cemento, elementos como “a profesionalidade” e non dubidar en facer do I+D+i un elemento clave explican que Prosistemas sexa unha “empresa de moito éxito”.

“Servizo e calidade”

Eusebio Rey Cachafeiro é o director xeral da empresa situada no Porriño. “Nacemos na crise dos 80, cando quedamos sen os nosos traballos e dixemos: hai que tirar para diante”. Desde entón e até a actualidade, un camiño marcado por unha idea: “sempre tivemos claro ir ao usuario final, que é quen valora servizo e calidade. Se traballas para un intermediario, este só mira polo beneficio”.

Con esa filosofía foron medrando e teñen de clientes a Endesa, Leroy-Merlín,..e traballan en diferentes países do mundo. Posúen laboratorio propio e o I+D+i é marca da casa.

Cren que se pode vencer a crise: “Os galegos fomos toda vida tenaces, capaces, duros. Temos que salvarnos nós mesmos”.