As economías da nova ruralidade
O mundo rural está mudando. E aínda que a despoboación e o envellecemento son realidades problemáticas que non é posíbel obviar, tamén existen alternativas. Proxectos e iniciativas novidosas, adoito vencelladas á economía social, contribúen a reinventar a vida cotiá máis alá das cidades, a producir valor engadido, a solidificar comunidade. Eis un extracto da peza, publicada no número 322 de Sermos Galiza.
“A idea xurdiu das necesidades”, explica Marta Álvarez Quintero, “o leite segue sen recuperarse e había que inventar algo. Decidímonos pola cosmética a partir das nosas materias primas”. Que, neste caso, son o leite acabado de muxir e as herbas tradicionais da bisbarra da Ulloa, de cuxo tratamento se encarga a cooperativa Milhulloa: romeu, xarxa, buxo, estrugas ou milfollas. “Economía circular”, puntualiza a súa irmá, María. Ambas as dúas volven dunha rolda de investidores en Soria, onde foron o único proxecto galego.
Muuhlloa, cuxa marca é o acrónimo do bruído da vaca, a primeira letra da palabra herba e o nome da comarca, constitúe un exemplo acabado das dificultades e desafíos que enfrontan iniciativas á procura de reinventar a infraestrutura económica do medio rural. A súa sede atópase na parroquia de Cumbraos, en Monterroso. “O principal problema é a falta de financiamento”, explica Marta Álvarez Quinteiro a Sermos Galiza, “se non hai tixolo, non hai axuda”. Os proxectos innovadores non se axustan ás categorías existentes e os mecanismos de subvención “están obsoletos”. E engade: “Unha nova ruralidade precisa de novas ferramentas administrativas”.
[Podes ler a información íntegra no número 322 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]