Ecoloxistas alertan dos "riscos" de Ence, Altri e a mina de Touro
A voceira da Plataforma Ulloa Viva, Marta Gontá, afirmou esta terza feira, preguntada por Nós Diario pola exclusiva desvelada no xornal da segunda terza feira sobre o desembarco de técnicos de Altri nas instalacións de Ence, que “Ence e Altri queren secuestrar o monte e a auga da Galiza”.
Ademais, afirmou que ambas as pasteiras “precisan da terra e da auga do noso país para subsistir”, se ben insistiu en que “Galiza non precisa para nada nin Altri nin Ence”. Gontá defendeu que "respectar os nosos propios bens e recursos dá máis postos de traballo e calidade de vida do que traen os modelos caducos das celulosas”.
A voceira de Ulloa Viva participou esta terza feira no Liceo de Ourense nunha charla organizada polo colectivo Ourense Vivo xunto cos presidentes da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), Xaquín Rubido, e da Asociación Pola Defensa da Ría (APDR), Antón Masa.
Baixo o lema 'Non somos terra de sacrificio', analizaron os proxectos da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei (A Ulloa) e mais o de Cobre San Rafael da reapertura da mina de cobre de Touro e O Pino (comarca de Arzúa), así como os seus efectos sobre o río Ulla e a ría de Arousa, co exemplo do acontecido coa celulosa de Ence en Pontevedra.
Xaquín Rubido apuntou ao "escuro e indigno proceso” da tramitación do proxecto de Altri e a implicación da sociedade público-privada Impulsa –na que a Xunta da Galiza tiña 48% da propiedade e que foi fulminada polo Goberno de Alfonso Rueda o pasado mes de agosto–.
Lembrou que a macrocelulosa pretende verter ao Ulla 30 millóns de litros de auga diarios con 62 toneladas de compostos químicos, 60 toneladas diarias de sulfatos, 0,4 toneladas diarias de nitróxeno e outras 0,1 toneladas diarias de fósforo, o que formaría un “cóctel mortal” de 22.300 toneladas de verteduras anuais ao Ulla, un río que abastece entre A Ulloa e a ría de Arousa até 11 concellos e máis de 145.000 persoas.
O presidente da APDR, Antón Masa, dixo que a loita contra a presenza de Ence na ría de Pontevedra e a loita contra a instalación de Altri na Ulloa “son partes inseparábeis dunha única loita”. Por iso, chamou a participar o vindeiro domingo nunha "cadea humana” arredor do encoro de Portodemouros e o 14 de decembro na gran manifestación anunciada en Compostela contra estes proxectos.