Cobre San Rafael di que a mina de Touro-O Pino "nunca" contaminou: a empresa busca que o proxecto sexa "estratéxico"

Fernando Riopa, cuarto pola esquerda, esta terza feira 4 de novembro durante a xornada. (Foto: COMG)
Riopa afirmou que a acción de optar a ser proxecto industrial "estratéxico" comunitario "non a fan para buscar financiamento", senón para "reforzar un pouco a decisión da Xunta –quen xa o declarou estratéxico–".

O director xeral de Cobre San Rafael, Fernando Riopa, anunciou que o próximo 15 de xaneiro presentarán a Mina de Touro-O Pino (comarca de Arxúa) á convocatoria para optar a ser declarada proxecto industrial "estratéxico" comunitario. En paralelo, con respecto ás críticas ao redor da posíbel contaminación sobre o río Ulla, Riopa defendeu que "nunca a houbo, nin no Ulla nin en ningún dos ríos que hai ao redor da mina".

Así o afirmou a pesar de que en 2024 Augas da Galiza impuxo unha sanción a Explotaciones Gallegas, propietaria da mina, por vertedura contaminante ao dominio público hidráulico. A empresa sancionada é agora a socia de Atalaya Mining para a reapertura da explotación no proxecto Cobre San Rafael.

A pesar das evidencias de contaminación probadas e da propia sanción por parte da entidade dependente da Xunta da Galiza, Riopa incidiu en subliñar que na zona xa houbo unha mina entre 1973 e 1986 e "non había ningún problema".

Ademais, o director xeral do proxecto cargou contra a contestación social ao proxecto. "Podo dicir que as críticas que adoita haber ao principio despois desaparecen. Protestan outra vez cando se fecha a mina e adoitan ser moitas veces os mesmos", afirmou o directivo.

Buscan "reforzar a decisión da Xunta"

Neste contexto, Riopa afirmou que a acción de optar a ser proxecto industrial "estratéxico" comunitario "non a fan para buscar financiamento", senón para "reforzar un pouco a decisión da Xunta –quen xa o declarou estratéxico– de que é un proxecto industrial". Nesta liña, asegurou que "polas súas características non cre que haxa ningún problema" en conseguilo.

O director xeral de Cobre San Rafael fixo estas declaracións no marco da xornada Oficina de Impulso de Proxectos Europeos (Oipe), en Santiago de Compostela, onde a directora da Cámara Oficial Mineira da Galiza, Arantxa Prado Santiago, reivindicou que Galiza "pode ser unha potencia mineira".