Drenar salarios para beneficios empresariais

Entre o inicio da década dos oitenta e hoxe a participación dos salarios na riqueza de Galiza caeu en 18 puntos. Un descenso que foi en beneficio das rendas de capital e que evidencia un trasvase que non tivo comparanza nin noutros territorios do Estado español nin no contexto europeo. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respeito no Sermos Galiza 284.

A crise non o explica todo. Non se pode restrinxir ou reducir a estes anos de recesión un proceso que vén de máis lonxe e cuxos efectos deixan unha pegada que, todo apunta, vai perdurar anos. Nestes anos de crise houbo un cambio de tornas de enorme calado: o peso dos beneficios empresariais superou ao dos salarios no Produto Interior Bruto (PIB) de Galiza. Mais esta  situación tiña as raiceiras e orixes en anos ben atrás. Un proceso no que se deu unha drenaxe ou trasvase das rendas salariais a favor dos beneficos das empresas.

 

Entre 1981 e 2014 a participación dos salarios na riqueza de Galiza caeu en 18 puntos. Era 62% do PIB e pasou ser 44%. Ao tempo, a participación das rendas do capital no PIB galego pasou de 34,4% (1981) a 46%. Un aumento de 12 puntos.

 

Uns dados que amosan que Galiza está entre os países da Unión Europea con menor participación dos salarios na riqueza do seu país: 44%, o que é 3,4 puntos menos que a correlación que se dá no Estado español e 4 puntos menos que na UE.

 

“Temos unha situación na que a participación dos salarios no PIB é moito menor en Galiza que na media do Estado español e xa non digamos Europa”, afirma o economista Manuel González.
Estamos, logo, perante, unha situación de trasvasamento que merece mirarse detidamente e con lupa.
 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 284, á venda na loxa e nos quiosques habituais]