plan estratéxico

Douscentos empregos menos en Navantia Ferrol

Os estaleiros prexubilarán 900 persoas até 2022.

Os dous estaleiros de Navantia na ría de Ferrol perderán entre este ano e 2022 un total de 200 empregados. Os cadros de persoal de ambos os dous centros de traballo aprobaron maioritariamente a pasada terza feira, día 18, validar os dous documentos que se levaron a votación: o convenio colectivo único e mais o Plan Estratéxico, un documento que levaba varios anos enriba da mesa e que, despois de diferentes modificacións e un bo feixe de xuntanzas na sede central da compañía pública en Madrid, foi referendado polos cadros de persoal.

 

Ben é certo que os resultados foron desiguais segundo os centros. No conxunto, participaron perto de 4.000 traballadores dos 5.030 que ten a compañía a día de hoxe. Case 68% do total manifestaron a súa conformidade co contido dos dous documentos; algo máis de 30% entendeu que as liñas básicas que recolle non garanten nin o mantemento do emprego nin unhas condicións laborais cando menos semellantes ás vixentes. En Navantia Fene (a antiga Astano) estaban convocados 226 operarios –só exerceron o seu dereito 176– e validou a proposta 78%; pola contra, na factoría ferrolá participaron 1.405 dun censo total de 1.839, aínda que o número de apoios foi moito menor: só 55,37% aceptou as condicións do acordo ao que chegaron a SEPI –matriz de Navantia– e os sindicatos estatais.

 

O propio presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol, Javier Galán (CCOO) recoñeceu tras se facer públicos os resultados que agardaba un respaldo significativamente maior; porén, apuntou que a ratificación permite despexar o horizonte dunha compañía que, coas contas na man, se atopa en quebra técnica, con elevadas perdas acumuladas nos últimos exercicios.

 

[Podes ler o texto íntegro no número 327 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]