Os derradeiros ‘vaqueiros’ dos Ancares

[Imaxe: SG]
Coa chegada da primavera, entre 250 e 300 vacas inician acompañadas de gandeiros un percorrido a pé de entre 20 e 30 quilómetros para chegar desde os Ancares galegos a novos pastos nos Ancares leoneses, onde permanecerán até a chegada das neves, en novembro. Unha transhumancia secular que se mantén viva. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 357 do semanario en papel Sermos Galiza.

Nos Ancares hai parroquias que nestes 15 anos perderon até o 65% da súa poboación. “Nos concellos nos que nos asentamos a media está no 30%. De seguir esta progresión, en 30 anos non habería habitantes”, calculan desde a cooperativa ancaresa A Carqueixa, que fai este 2019 25 anos de vida. Un prognóstico para o futuro contra o que se rebelan os 200 socios e socias desta cooperativa, centrada na carne e na castaña. Dela fan parte as 17 gandarías de vacún de carne de Cervantes e Navia de Suarna, que manteñen o desprazamento estacional de animais, a transhumancia, unha práctica que segue viva desde hai ben de anos.

José A. Díaz é un deses gandeiros e ao tempo é presidente da Carqueixa. “Cando chega a primavera tiramos coas vacas cara ao Campo da Auga, en Vilafranca, León, un terreo que lle temos alugado a comunidades de montes de alí”, explica a Sermos Galiza. Son por volta de 5000 hectáreas de pastos onde eses 250-300 exemplares procedentes da Galiza permanecerán até que aparezan as primeiras neves, cando volverán a casa. “Eu adoito levar unhas vinte”, indica Díaz, explicando que a viaxe se fai a pé.

“Hai vacas que xa saben o camiño e guían ás novatas”, indica. “Dependendo do sitio do que partes, son 6, 7, 10 ou 11 horas camiñando”, engade Román Sánchez, xerente da cooperativa. Un roteiro que percorre corredoiras e camiños, atravesa regatos e monte baixo, sobe até 1500 metros de altura para volver baixar ao val onde está o Campo da Auga, no seu día unha aldea ancaresa e hoxe case deshabitada.

Beneficios

Incendios, seca, terreos abandonados cuxo titular é difícil de atopar… A gandaría nos Ancares precisa superficie e non sempre a atopa na Galiza. “As nosas vacas nunca están estabuladas, só cando enferman ou cando precisan axuda para parir”, afirman desde a cooperativa, onde cada persoa socia ten unha media de 25 cabezas de gando vacún. Que non estean estabuladas implica, por unha banda, “que se alimentan de xeito totalmente natural, do que o monte dá, dos prados…”, afirma José A. Díaz. Mais iso conleva, tamén, necesidade de maior superficie. Un terreo que precisan e que tiveron que procurar nos Ancares leoneses.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 357 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]