CIG denuncia Méndez e a cúpula de Caixa Galicia ante a Audiencia Nacional por estafa e falseamento de contas

A central nacionalista reclama que se investiga se houbo “unha trama” para ocultar a situación de insolvencia da entidade financeira e que serviu para avalar a emisión de preferentes. 

A CIG presentou perante o xulgado de instrución da Audiencia Nacional unha denuncia contra o que fora director xeral de Caixa Galicia, José Luís Méndez, así como contra o ex-presidente Mauro Varela, o consello de administración e o comité de alta dirección da entidade financeira, polo que entende que pode constituír delitos de “estafa, falseamento de contas e administración desleal”.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, afirmou que a denuncia parte da falla de acción e compromisos dos poderes públicos, censurando que o PP tentase “ paralizar” a comisión das caixas do Parlamento galego para investigar estes temas, polo que cre necesario acudir á vía xudicial, pois considera que os populares "queren ocultar cousas.

Clodo Montero, secretario nacional de CIG-Banca, indicou que a denuncia cobra forza por mor dos “feitos probados” que figuran en sentenzas xudiciais e que xustifican esta denuncia presentada polo sindicato nacionalista. Así, lembrou que na sentenza que condenou a exdirectivos de Nova Caixa Galicia (NCG) dáse por comprobada a insolvencia de Caixa Galicia en 2009.

Porén, na asembleas xerais desta entidade en 2008 e 2009 a dirección presentaba beneficios millonarios (máis de 300 millóns de euros), empregando esas ‘ganancias’ para avalar a emisión de participacións preferentes. Unha cuestión que Montero cualifica de “moi grave”, polo que empraza Audiencia Nacional a investigar "se se deseñou unha estratexia para ocultar a situación de insolvencia no ano 2009".

A maiores, lembrou o sindicato, o propio Banco de España advertía a través dunhas actas en 2009 da insolvencia da entidade que presidía José Luís Méndez e prevía perdas por máis de 1.200 millóns de euros no futuro para esta caixa.

“Feito inédito”

A CIG presentou nun primeiro momento a denuncia perante a Fiscalía da Audiencia Nacional que, nun "feito inédito", con o cualifica a CIG, non a recolleu.