EN AGOSTO O GOBERNO RAJOY INCREMENTOU O GASTO MILITAR NUN 16%

Defensa recibiu en só tres exercicios 3.574 millóns en créditos extraordinarios

Imaxe dunhas fragatas F-100

Non hai recortes para o Ministerio de Defensa. O pasado mes de agosto, e como medida “urxente”, foille transferida unha partida de 914 millóns de euros.


Os laios do ministro de Defensa, Pedro Morenés, cada outono cando se concretan e aproban os orzamentos xerais do Estado -que, segundo el, veñen reducindo sistemáticamente asignación ao seu departamento- obvian o costume do Goberno de Mariano Rajoy de lle conceder xa andado o exercicio económico inxentes cantidades en créditos extraordinarios, destinados, principalmente, á adquisición ou pagamento de programas de armamento. 

A golpe de decreto, o Goberno do Partido Popular transferiu en só tres exercicios –de 2012 a 2014- 3.574 millóns de euros. Os últimos 914 figuran no que se aprobou en agosto pasado canda outras e variadas medidas “urxentes” que só poden aprobarse nos meses de verán. Esta política de engordar os orzamentos de Defensa xa avanzado o ano supón  incrementos considerábeis nas contas definitivas. Así, estes 914 millóns supoñen unha suba do 16% da cantidade consignada inicialmente.

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, votou esta quinta feira en contra de que un procedemento –o real decreto lei- que debera ser excepcional se converta “nun recurso habitual” e criticou que a concesión de créditos extraordinarios “xa sexa sistemática” no Goberno do Partido Popular. Tras cualificar de “escándalosa” e “desvergoña” a liberación destas partidas para a compra de armamento, Pérez preguntoulle ao Executivo “para que valen os orzamentos que debatemos en outubro” e sinalou que “mentres isto sucede, as partidas para sanidade, educación e servizos sociais merman e liquídase a lei de dependencia”.