Decretados desertos os concursos que impulsou a Xunta de dereitos mineiros
Ecoloxistas atribúen ao PP a idea da Galiza como "unha gran mina" e advirten de que "non é así"
Os concursos públicos que impulsou a Xunta da Galiza en relación a dereitos mineiros caducados en Pontevedra e Lugo quedaron desertos, segundo recolleron ambas as resolucións publicadas esta sexta feira no Diario Oficial da Galiza (DOG).
Ditas resolucións declararon rexistrábeis os terreos non adxudicados, que poderán ser solicitados despois de que transcorran oito días desde que se publiquen no Boletín Oficial do Estado (BOE).
Ecoloxistas interpretaron do feito de que quedasen desertos os concursos de dereitos mineiros caducados en Pontevedra e Lugo que "é a Xunta a que impulsa a Galiza como unha gran mina", pero con todo, aseguraron, isto non se corresponde coa realidade.
"Non é así. Pontevedra e Lugo resultaron desertos. A Coruña só unha explotación de cerámica", explicou o portavoz de Ecoloxistas en Acción, Cristóbal López.
Respecto diso, engadiu que, na súa opinión, "Ourense vai ser o sacrificio". E é que o DOG publicou tamén esta sexta feira as resolucións dos concursos de dereitos mineiros correspondentes a Ourense e a Coruña.
En canto a esta última, a Xunta resolveu admitir a trámite solicitudes non concorrentes de permisos de investigación formuladas por Caolines de Vimianzo S.A., Epifanio Campo S.L e por Refractarios Campo S.L.
No caso do concurso de Ourense, a admisión a trámite de solicitudes abarcou permisos de investigación presentados polas empresas Áridos Técnicos S.A. e Canteiras Ávila S.L.
Declara deserto, tamén o relativo a Ourense, "todos os demais dereitos que se citan no anexo I da orde" pola que se lanzou o concurso, "e rexistrábeis os seus terreos, ao non presentarse ningunha solicitude".
Teñen que ver cos concellos de Xunqueira de Espadanedo (Allariz-Maceda), O Barco (Valdeorras), Vilamartín (Valdeorras), Petín (Valdeorras), Cortegada (O Ribeiro) , O Irixo (comarca do Carballiño), Amoeiro (Comarca de Ourense) , Coles (comarca de Ourense), Vilamarín (comarca de Ourense) e San Cristovo de Cea (comarca do Carballiño).
Ten "un valor"
A finais de outubro, após constituírse o Consello da Minería da Galiza, a conselleira de Industria, María Jesús Lourenzana, informou dun total de 20 solicitudes de dereitos mineiros que saíron adiante no primeiro concurso aprobado en 14 anos, 18 correspondentes á Coruña e dúas con Ourense. As 18 da Coruña correspóndense coas tres empresas mencionadas (Caolines de Vimianzo S.A., Epifanio Campo S.L, e Refractarios Campo S.L.) e as dúas de Ourense, con Áridos Técnicos S.A. e Canteiras Ávila S.L..
Tamén explicou nese momento a conselleira que o traballo feito en relación aos restantes dereitos que non saíron adiante "por falta de solicitudes" ou porque estas foron "rexeitadas" tamén ten "un valor" tendo en conta que a lexislación mineira permite que as cuadrículas destes dereitos mineiros sexan rexistradas e calquera promotor en calquera momento poida solicitar a concesión desa explotación.
Por último, anunciou que o seu departamento está a traballar para que, unha vez resolvido este primeiro concurso de dereitos caducado, o segundo concurso sexa previsibelmente en xaneiro de 2026.
Xa en xaneiro, a Cámara Oficial Mineira da Galiza emitirá un comunicado para valorar que se reactiven os concursos de dereitos mineiros na Galiza.