A débeda pública mundial non deixa de aumentar: alcanzará 100% do PIB global ao final da década

Kristalina Georgieva, directora do FMI. (Foto: Europa Press)
O FMI alerta das consecuencias do descontrol financeiro nos Estados.

O nivel de débeda pública en todo o mundo "é moi elevado" e prevese que supere os 100 billóns de dólares (91,5 billóns de euros) este ano, o que equivale a 93% do produto interior bruto (PIB) global, segundo alertou esta terza feira o Fondo Monetario Internacional (FMI), que anticipa que a cifra seguirá aumentando esta década e que roldará 100% do PIB mundial de cara a 2030.

Deste modo, a ratio de débeda sobre PIB a nivel mundial situaríase dez puntos porcentuais por riba da cota observada en 2019, antes da pandemia, segundo recolle o primeiro capítulo do informe Monitor Fiscal, publicado pola institución antes das súas reunións anuais de outono xunto ao Banco Mundial, que decorrerán a vindeira semana en Washington (Estados Unidos).

Ademais, o estudo advirte de que é probábel que o nivel de débeda pública mundial "sexa peor do que parece", xa que, aínda que espera que a débeda pública se estabilice ou diminúa en dous terzos dos Estados, os niveis de débeda futuros poderían superar as proxeccións, polo que será necesario realizar axustes fiscais moito maiores dos previstos para que a probabilidade de estabilizar ou reducir a débeda sexa alta.

Desemprego na OCDE

A taxa de desemprego dos Estados da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) baixou unha décima porcentual en agosto, a 4,9%, tras dous meses consecutivos en 5%, o que supón que o paro leva nesta última cifra, ou por baixo dela, desde abril de 2022, segundo informou o think tank das economías máis avanzadas. Con todo, tanto Galiza (9,5%) como o conxunto do Estado español (11,3%) seguen á cabeza no índice de desemprego.

O Goberno estatal terá que limitar o aumento do gasto para cumprir con Bruxelas

O Goberno español calcula que o Estado terá que facer un esforzo fiscal anual de catro décimas porcentuais do produto interior bruto (PIB) de media nun período de sete anos, o que implicará que o gasto non poderá crecer máis de 3% (sobre 6.000 millóns de euros anuais), para poder cumprir coas regras fiscais impostas pola Unión Europea (UE), segundo explicaron esta terza feira fontes do Ministerio de Economía que dirixe o socialista Carlos Cuerpo.