Construtores galegos desembarcan en Malta
O Consorcio Internacional de Xornalistas de Investigación –o mesmo que desvelou os Panamá Papers e os Paradise Papers– publicou os datos de 80.000 empresas rexistradas na Autoridade de Servizos Financeiros de Malta. Reaccionou así tras o asasinato da xornalista Daphne Caruana Galizia e as noticias que identifican a illa como o novo destino favorito para quen buscan pagar menos impostos. Entre as ducias de nomes galegos nese rexistro mercantil, relocen os de dúas das empresas máis importantes da obra pública galega, San José e Puentes y Calzadas. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 310 de Sermos Galiza.
Como “representante local” en Malta figura Charles Rapa, quen ten cargos noutras 56 corporacións. O enderezo da filial é o mesmo co que aparecen rexistradas outras cinco empresas. Unha desas cinco é Bridges and Roads International Limited. Curiosamente, ten relación con outra coñecida construtora galega.
En Bridges Roads International Limited aparece como accionista Puentes y Calzadas Grupo de Empresas S.A., a construtora de obra pública de Sigüeiro. De director da empresa maltesa figura Juan Loureda Alberca, apoderado e, segundo a web do Máster Mascómex USC, responsábel internacional do Grupo Puentes y Calzadas.
O enderezo que comparten as filiais maltesas de San José e Puentes coincide co enderezo do bufete MamoTCV. Na súa web, MamoTCV ofrece “oficinas virtuais”, asesoramento en tributos e presume de que “as leis de Malta fixeron do país unha localización atractiva para o estabelecemento de servizos a empresas fiduciarias”.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 310 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]