A concentración da produción láctea levou 4.394 granxas ao feche en 10 anos

Vacas pacendo onte no lugar de Quintela, na parroquia de Brocos, en Agolada (O Deza). (Foto: Nós Diario)
Galiza produce ao ano 3,1 millóns de toneladas de leite, o que supón 41,5% de todo o Estado. Ao tempo, ten os segundos prezos máis baixos, 48,1 céntimos por litro, só por detrás de Balears. Estes son algúns dos datos da radiografía do sector leiteiro galego que vén de publicar a Fundación Juana de Vega. 

A Fundación Juana de Vega vén de publicar o informe O sector lácteo na Galiza, situación actual e evolución recente, con datos até outubro de 2025. Nesta fotografía do sector lácteo galego destaca a concentración da produción leiteira en menos explotacións. Segundo os datos da Fundación Juana de Vega, de 2015 a 2024 reducíronse na Galiza en 45,7% as explotacións lácteas, o que supuxo o feche dun total de 4.394 granxas. O informe sinala este proceso "de reestruturación profunda", caracterizado pola "redución do número de explotacións, o aumento do tamaño medio e unha maior concentración da produción en menos unidades, máis especializadas e eficientes".

Non coinciden coa análise da fundación organizacións agrarias como a Federación Rural Galega (Fruga) e o Sindicato Labrego Galego (SLG), que critican a "falsa idea de que o intensivo é un modelo máis rendíbel e sostíbel".

O presidente da Fruga, Elías Somoza, alerta da "importante concentración da produción en explotacións de máis de un millón de litros", algo que, segundo sinala, supón "un cambio drástico no sector". Para o presidente da Fruga a constatación de que "60% do leite producido na Galiza" procede destas explotacións "dimensionadas" provoca outros datos como que nas granxas galegas "hai máis asalariados que titulares de explotacións" , un "modelo produtivo cada vez máis intensivo que pon en risco o futuro e a calidade do leite en pastoreo". Sinala Somoza que "desde a Fruga non nos metemos nas concentracións de explotacións" pero advirte de que o intensivo "non é un modelo produtivo acorde co país".

En declaracións a este xornal, advirte Xulio Fernández, coordinador do sector do leite do SLG, que "as granxas seguen fechando, moitas por falta de remuda xeracional, e o modelo actual non impide que vaian fechar granxas máis grandes e dimensionadas, non só as explotacións máis pequenas".

O informe da Fundación Juana de Vega pon cifras á situación actual e á recente evolución do sector lácteo na Galiza. Partindo dos últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), relativos ao ano 2023, o sector agroalimentario representa 5,7% do produto interior bruto (PIB) galego, e dentro deste sector estima a fundación que "o complexo lácteo" representa 1,6% do PIB do país, distribuído 1,3% na actividade agraria e 0,3% na industria transformadora.

A nivel estatal, aseguran as cifras deste informe, que Galiza "é o epicentro da produción láctea. En 2024, no Estado, a produción láctea alcanzou os 7,37 millóns de toneladas, das cales 3,06 millóns corresponden á Galiza, o que representa 41,5 % do total. De feito as cifras en todo o Estado reflicten que a produción láctea galega supera as de Castela e León, Catalunya, Andalucía e Asturias que, sumadas, apenas igualan as cifras de produción de leite na Galiza. Este liderado galego no Estado tamén coloca o sector lácteo do país no número nove das rexións produtoras da Unión Europea —segundo os datos do Eurostat 2023—.

No que ten a ver coa evolución do sector na Galiza e no Estado nos últimos anos, as cifras de Juana de Vega destacan que desde o final do réxime de cotas lácteas en 2015, "a produción galega incrementouse en arredor de 20%, o que supón perto de 520.000 toneladas adicionais con respecto ao ano 2014". No mesmo período, o conxunto do Estado español aumentou en 9%, unhas 590.000 toneladas máis. Con estes datos sinala o informe que case 90% do incremento total de leite producido no Estado desde 2014 ten a súa orixe na Galiza. Pero este incremento da produción levouse a cabo no país acompasado do feche de explotacións, unha realidade que avala o último informe de entregas de leite publicado polo Ministerio de Agricultura a semana pasada e relativo ao mes de outubro deste mesmo ano. Os datos das entregas certifican que por primeira na serie histórica galega "baixan das 5.000 as explotacións leiteiras" con entregas de leite en cru, un dato que avanzou xa o pasado mes de novembro Nós Diario.

Os prezos máis baixos por litro de leite

A pesar de ser Galiza produtora de 41,5% do leite de todo o Estado e de estar entre as dez rexións europeas fornecedoras de leite na UE, os prezos que reciben os gandeiros e as gandeiras galegas por litro de leite son os máis baixos de todo o Estado español, só por riba dos de Baleares.

Segundo os datos publicados pola Fundación Juana de Vega, en termos anuais o prezo medio ponderado no Estado español en 2024 foi de 49,1 céntimos por litro de leite, o que supón unha caída de 10,2% respecto ao ano anterior -2023-, mentres que na Galiza o ano pasado o prezo pagado por litro de leite foi de 46,8 céntimos, un descenso de 11% respecto dos prezos pagados en 2023.

No que vai de ano 2025, a fundación destaca que "os prezos amosan unha lixeira recuperación, cunha media de 49,8 céntimos por litro no Estado español e 48,1 céntimos na Galiza, o que representa un aumento de prezos neste ano de 2,8% para os gandeiros e as gandeiras galegas. A pesar da recuperación de prezos xeral en todo o Estado, Galiza segue a estar 1,7 céntimos por litro por baixo da media. A Fruga e o SLG critican que mesmo na repunta dos prezos do leite de 2022 polo incremento de custos derivados da guerra de Ucraína —cando o prezo por litro chegou a alcanzar os 60 céntimos— as granxas galegas "sempre foron as peores pagadas de todo o Estado".

Unha das explicacións das entidades agrarias ao problema de prezos do leite no país é a "falta de industria transformadora". Os datos do informe da Fundación Juana de Vega deixan claro que "na Galiza só se transforma arredor de 64% do leite producido, o resto sae para transformarse noutras zonas do Estado español", coa perda de valor engadido que iso supón para o sector.

Falta de transformación do leite

Entre as marcas de fabricante, Central Lechera Asturiana consolídase como líder estatal, cunha cota de 15,5% en volume e de 17,6 % en valor, seguida por Lactalis Iberia (6,7 % e 8,6 %, respectivamente) e Calidad Pascual (4,5 % e 5,9 %). No caso da Galiza, a primeira marca galega de fabricante é Leite Río cunha presenza no mercado só de 2,4% do volume e 1,2% do valor, segundo o informe da Fundación Juana de Vega. Destaca a fundación a necesidade de "avanzar na transformación".

1,6%

O complexo lácteo supón 1,6% do produto interior bruto (PIB) da Galiza, e dentro del, 1,30% corresponde coa actividade agraria e 0,30% coa industria transformadora.

41,5%

Galiza é o epicentro da produción láctea no Estado. En 2024 alcanzouse a nivel estatal unha produción de 7,37 millóns de toneladas, das que 3,06 millóns corresponderon á Galiza (41,5%).

48,1

O prezo medio ponderado no Estado en 2024 foi de 49,1 céntimos o litro. Na Galiza foi de 46,8n cénmtimos. No que vai de 2025, a media estatal é de 49,8 e na Galiza de 48,1.